Máis alá da relevancia en aspectos culturais como a música, a banda deseñada ou a normalización lingüística, o Xabarín Club ten un compoñente subversivo e diferenciador que marcou as pautas de pensamento e comportamento de toda unha xeración. Imos tentar unha achega aos puntos chave dun programa que acabou por definir, en parte, tamén aos nosos fillos.

O Xabarín Club e a xeración a medio camiño

Xa houbo quen, antes ca nós, ten afondado na identificación dos millenials galegos e galegas coa Xeración Xabarín. Pode dar a impresión de que o Xabarín é, case sempre, un recurso manido que precisamos para sentirnos especiais, pero é que a xeración dos oitenta, a nosa, moito, moito, non ten co que se identificar.

A xeración que nos precede é aquela que deu os primeiros pasos na sociedade democrática. Os primeiros que estudaron en galego, os que galeguizaron o apelido e tamén os que apostataron. A xeración que nos segue é a tecnolóxica, a da superación dos clixés de xénero, a do maldito trap. 

Nós somos… bueno, a xeración do bocadillo de nocilla.

Neste sentido, o Xabarín Club xoga un papel moi valioso. Por unha banda cumpre a función de elemento cohesionador dunha prole desperdigada emocional e ideoloxicamente. Por outra, outórganos unha identidade a aquelas e aqueles que somos o primeiro grande fracaso xeracional.

Dacordo que non logramos vivir -por primeira vez en séculos- mellor que os nosos pais. Dacordo que a nosa achega aos campos da literatura, a música ou a ciencia son, cando menos, de dubidoso acerto. Pero somos do Clube da Galega e iso, forxou carácter.

Fillos do Xabarín Club, pais de guerreiros

O Xabarín Club tiña unha vontade axitadora moi pouco disimulada. De feito, a elección da imaxe do proco bravo, é dunha estética punk moi marcada. Un Xabarín cachas, con aire redskin que lidera un exército de rapazas e rapaces. Unha sorte de pequenos quintacolumnistas que acabamos por desenvolver a frustración dunha batalla que nos quedou por librar. 

Pero o problema das comparacións bélicas é que requiren analoxías á altura, e no caso dos nados nos oitenta, a emancipación tardía é o que máis se achega á nosa Waterloo particular.

Quizáis por esa tensión guerreira non resolta, estimulada por horas e horas de Dragon Ball e esforzos inútiles invertidos en lograr unha onda vital, cando nos deu pola inconsciencia de ter fillos, vimos a posibilidade de resolver ese conflicto interno que tanta insatisfacción nos viña xerando.

Asumido o noso fracaso xeracional, comezamos a concentrarnos en preparar aos nosos pequenos saiáns para a complicada misión de vivir a gusto e sen frustracións. O espírito do Xabarín Club seguía latexando. 

De feito, só nós coñecemos realmente a palabra do porco bravo xa que, como afondaremos a continuación, a reinterpretación descafeinada do Xabarín Club actual, pouco ou nada garda da revolucionaria anunciación que se nos fixo a nós.

El Jabalí Club non cualla e o Xabarín xera perigo

No ano 2009 sucédense dous acontacementos que afectarán ao panorama político e social de Galiza: en febreiro celébrase unha mediática manifestación en Compostela dun grupúsculo coñecido como Galicia Bilingüe. Para quen non o lembre – como sería de agardar- tratábase dunha asociación sen ánimo de lucro e apolítica (?) comandada por dúas ou tres señoras do máis peculiar. Estas ilustres pensadoras deran cun problema lingüístico que tiña sumida á nosa rexión na máis absoluta das tiranías: a imposición da lingua galega nos ámbitos público e privado desta sociedade. 

Afortunadamente, a súa intervención foi decisiva y ahora estamos mejor.

Neste mesmo mes o Xabarín Club, que levaba adoutrinando á mocidade dende 1994, pasa a formar parte da grella da TVG2, canle que daquela, nin sequera se podía sintonizar na grande maioría dos fogares galegos. Casualidade? É posible. O que si é obxectivo é a perda de fol do contido do programa, que dulcificou a imaxe do porco bravo, eliminou todo aquelo que soase a arenga e levou a traballadoras e traballadores por diante abaratando os custos e convertindo o programa nun refrito bastante incoherente.

Supomos que outra opción que puido contemplarse naquel momento foi a de dobrar este espazo infantil ás dúas linguas oficiais. Mágoa non ter estado na xuntanza do equipo de contidos na que unha nerviosa ou nervioso asesor de comunicación tivo que negar a maior para a suposta proposta de naiming Asociación Jabalí

O mundo de Beakman - Xabarín CLub

A nosa descendencia: unha fusión de manga e rock bravú

Visto o visto, a encrucillada que se nos presentou á hora de poñer ás nosas pequenas e pequenos a vivir no mundo, tiña fácil solución: nin método Montesori nin jipismo e moito menos condutismo. Método pedagóxico Xabarín. Se todo sae como imaxinamos -cousa non de todo probable- a xeración dos anos vinte ha de ser educada, crítica e, ata certo punto, asalvaxada. Identificaredes aos xabarinciños porque levan roupa para bebé diferente e con mensaxes que as persoas de menos de trinta anos nin sequera entenden. Se ben será doado que vexades a un grupo de adultos lixeiramente achispados desenvolvendo bodis de agasallo con frases graciosísimas. E se non vos fan gracia as alusións á París de Noia, ao abandono da embriaguez en favor da maternidade ou a grupos de rock dos que quedan soamente dous integrantes vivos, pois ou non tivestes infancia ou sodes dunha desas xeracións especialiñas que non coñecen o futbolín nin a Carmiña Vacaloura. En todo caso, xeracións peores. Iravos mellor laboral, emocional e psicolóxicamente, vale, pero non coñeceredes a satisfacción plena de que a vosa cativa toque cun pauciño unha deposición mentres conecta co máis feliz e profundo da túa infancia ao dicirche É unha meeeerda!