Hoxe queremos achegarnos a unha das enfermidades máis graves entre a poboación nova, pero non só: os trastornos da conduta alimentaria.
É 30 de novembro, día mundial da loita contra os trastornos da alimentación. Recoñecer esta data supón un paso máis na visibilización dun problema mal tratado e estigmatizado.
Que son e que non son os trastornos da alimentación
Os trastornos da alimentación si son:
- Trastornos mentais multifactoriais. Isto quere dicir que as súas manifestacións e desencadeantes son diversos e poden ser moitos. A orixe dos mesmos pode ser psicolóxica, biolóxica e/ou sociocultural.
- Son trastornos con varias frontes de afectación. Atinxen a moitos eidos da personalidade, ademáis de afectar fortemente á saúde física.
- Son trastornos cunha alta predisposición xenética, mais tende a haber unha vinculación máis que demostrada con procesos de abuso durante a infancia. Abusos físicos, psicolóxicos e abusos sexuais (que combinan ámbolos dous anteriores) son o desencadeante máis frecuente destes procesos autolesivos.
- Son desordes que tenden a desencadear noutras problemáticas coma as adiccións e/ou a depresión. A maiores, son unha porta de entrada frecuente para outros trastornos de tipo B -tamén coñecidos como trastornos da personalidade– coma o trastorno límite de personalidade, o bipolar ou o mal chamado trastorno histriónico.
Os trastornos da conduta alimentaria non son:
- Un problema de imaxe. Como moitísimo poderiamos dicir que tamén son un problema de autoimaxe, algo que vén determinado por carencias afectivas, fondos problemas de autoestima e rexeitamento de si propia.
- Non son só anorexia e bulimia. De feito, estas dúas canalizacións da enfermidade, nin sequera son excluíntes entre si. Existen moitísimas manifestacións como certos tipos de obesidade, a ebriorexia, as dietas permanentes ou a sobremusculación (vigorexia) entre outras moitas.
- Non son problemas exclusivos da adolescencia. Nin moito menos. O índice de cronificación é moi elevado, mais en non poucos casos, o TCA aparece en momentos de crise persoal asociados a perdas ou procesos traumáticos.
O escrito ata aquí son datos obxectivos segundo as institucións de saúde mental. A propia OMS define, máis ou menos deste xeito, o que son estas enfermidades. A partir destas liñas, falaremos do que non adoita contarse deste tipo de doenzas.
Como baten os TCA
A brutalidade dos trastornos da alimentación radica, sobre todo, no autocastigo. Este concepto, tirado de contexto, pode levarnos a pensar en razoamentos (ou falta deles) baseados na chamada de atención. Pois ben, a este respecto, dúas aclaracións: a primeira é que a chamada de atención é unha chamada de auxilio, polo que dunha vez e para sempre, desterremos o carácter ridiculizante e infantilizador do mesmo. Por favor.
A segunda aclaración é que non necesariamente vai por aí a cousa. Cando unha persoa autoinfrinxe unha lesión tan grave como poden ser a privación de alimento ou a purga, está empregando isto, a alimentación, a primeira forma de apego que coñecemos xa que é o vínculo coa xestante, coma unha poderosa arma para canalizar a súa dor ou a súa incapacidade de xestionarse a si mesma e ao contorno. Precisamente por ser a primeira forma de apego é tan relevante nos procesos emocionais.
Se coñeces unha persoa que padece un trastorno da conduta alimentaria…
É importante lembrar (en todos os aspectos da vida) que xulgar a outrxs é prexulgar, establecer xuízos e impor modelos de actuación.
A sociedade na que vivimos, tende a rexeitar todo aquilo que sae do patrón homoxéneo, non sendo este nada máis que un constructo hermético que funciona como mecanismo de control colectivo.
Debemos ter en conta que unha persoa que padece un TCA é alguén cunha grave desorde afectiva e emocional, non unha persoa frívola que procura unha tallaxe para a pasarela de Milán.
Se queremos achegarnos á súa realidade, debemos facelo dende o respecto e a empatía. Xamais facendo recomendacións (“por que non probas a almorzar sandía que é todo auga?”) nin moito menos reproches (“é que saír a cear contigo é dificilísimo”). Tratar a unha persoa con TCA desa maneira é caricaturizante, infantilizador e completamente absurdo. De facelo só estaremos contribuíndo a agravar a destrución da autoestima e a frustración.
No mellor dos casos, haberiamos de procurar a achega aos aspectos menos visibles da problemática que, no fondo, son a chave de mellora ou empeoramento da situación.
Os trastornos da alimentación precisan unha intervención estrutural
Facemos unha chamada ás institucións pregando a visibilización dun problema de saúde que afecta a unha enorme porcentaxe de poboación. Neste caso concreto, prexudica maioritariamente ás mulleres precisamente por termos que desenvolvernos nun contorno sociopático de hexemonía patriarcal que nos imposibilita e castiga dende o mesmo momento en que aterramos no mundo. A vulnerabilidade económica, sexual e, en xeral, vital á que están sometidas as mulleres agrava as enfermidades mentais e fainos factor de risco. Non son teimas estéticas, son procesos silenciosos relacionados coa negación do noso lugar no mundo.
Fai falla un cambio nos modelos de educación e de sociabilización no que as institucións teñen que asumir a responsabilidade que lles corresponde.
As pautas relacionais nas que nos educan fan parte da anulación das persoas como individuxs.
Do mesmo xeito, o tratamento médico que se lle dá a este tipo de problemáticas é igualmente alienante e destrutivo. Sedar a unha persoa con medicación ou illala do contorno está lonxe de paliar o seu sufrimento e, achégase perigosamente ao castigo.
Esixamos, pois, un enfoque xusto e un plan de coidados para este tipo de doenzas tan esquecidas e soterradas.
Aloia Alonso