O domingo é San Valentín e, independentemente do gusto persoal de cada quen polo kitsch, imos intentar explicar por que a festividade do amor romántico é completamente contraria a unha ideoloxía progresista e feminista e a quen beneficia a perpetuación desta celebración do modelo hexemónico de roles de xénero.

Amor romántico vs amor líquido

A idea de amor romántico, que se acuña no medievo en relación ao amor cortés, acada o seu máximo desenvolvemento na sociedade burguesa occidental do século XIX. Este termo fai referencia á idea (completamente equivocada e perigosa) de que o amor require sufrimento e sacrificio. Idealízase á parella e á relación nun modelo “cazador/cazada” no que os roles de xénero son estancos.

A idea de amor líquido que propón o sociólogo Zygmund Bauman fai referencia aos novos modelos de relacións interpersoais (de parella pero non só) nas que desaparece o compoñente de compromiso a medio/longo prazo e se substitúe pola necesidade de consumo de individuos nunha analoxía coa sociedade de consumo capitalista moderna. Este consumo sen ligazóns profundas desemboca en relacións fluídas, escorredizas e pasaxeiras.

Perigos do amor romántico

O amor romántico artéllase, como dixemos arriba, nun encaixe asimétrico de roles de xénero, no que ás mulleres nos corresponde a parte do coidado da parella e a prole, a parte emocional e sentimental da relación e a pasividade. De feito, o cortexo funciona baseado nos piares do agasallamento ata vencer a resistencia inicial da muller, presupóndonos seres sen capacidade de tomar decisións racionais: a famosa expresión “pico y pala” que acaba desmontando a couraza coa  que protexemos a nosa pureza e que, un home que se teña a si mesmo por tal, será quen de desfacer.

No caso dos homes -teñamos en conta que este modelo relacional está fundamentado nun sistema binario de xénero– teñen a obriga da achega dos factores materiais que sustentan o fogar tradicional. Aportan unha teórica estabilidade emocional e económica que os obriga á negación dos sentimentos e os convirte no motor económico da sociedade.

Que quere dicir isto? Pois que, a emancipación feminina e o amor romántico non son compatibles. En primeiro lugar por un factor claramente económico: a dependencia económica da parella fai moi difícil a ruptura, máis aínda se hai fillas e fillos polo medio. Isto podería levarnos a preguntarnos polas diferenzas salariais que se manteñen, os teitos de cristal e un longo etcétera de cuestións estruturais que alimentan este modelo de familia claramente desigual, e cal é a motivación da perpetuación deste, mais deixemos que cada quen tire as súas propias conclusións, non sen antes facer unha recomendación:

Origen de la familia, la propiedad privada y el Estado. ENGELS, Friederich (1884)

Por outra banda, o amor romántico leva implícita unha mensaxe terrible que di que xs indivíduxs estamos incompletxs. A procura da media laranxa lévase a cabo para ser unha laranxa completa, dando por feito que o proxecto vital de cada quen só ten sentido cando se leva a cabo con outro ou con outra. Máis alá de que, efectivamente, somos animáis sociais e gregarios (aínda que isto é revisable no contorno actual) e que precisamos de comunidades para nos desenvolver, asumir que unha persoa só está completa cando ten parella convírtenos en seres moi dependentes, inseguros e insatisfeitos xa que, como se pode imaxinar, as carencias (construídas ou non polo tipo de sociabilización) e as problemáticas non desaparecen coa chegada de ninguén ás nosas vidas. Daí que sexa frecuente culpabilizar á parella cando non cumpre con esa idea de resolución do conflicto persoal. En fin, que pinta mal.

Revisión do amor romántico na sociedade actual

Aínda que existe unha dicotomía evidente entre os conceptos de amor romántico e amor líquido ou posmoderno, actualmente dase a paradoxa de que este último continúa tinguido do primeiro.

Nun estraño xiro dos acontecementos, os novos modelos de relación (falamos sempre de tendencias xerais) conseguiron aunar “o peor” de ámbalas dúas correntes.

A tendencia ao individualismo, a precariedade laboral ou a inseguridade ante un futuro incerto son factores que afectan en grande medida á nosa sociabilización. No caso da búsqueda de parella impera un tipo de relación máis flexible no tocante ao sexual diferenzando entre parellas emocionais e parellas sexuais sen especial problemática. Se ben, todo o sistema de valores continúa sendo o decimonónico, ao punto de que os ciúmes, o stalkeo e a idealización do que ten que vir para nós están máis presentes ca nunca. A diferenza fundamental é que agora podemos consumir moitas máis persoas na búsqueda da definitiva que, como é predecible, non chegará porque ninguén cumpre 100% coas espectativas xeradas e as posibilidades de cambio son infinitas. Isto non quere dicir que a monogamia sexa a mellor, nin por suposto, a única opción, aínda que a televisión, a música e o cine continúen a enviarnos esa mensaxe sen parar.

De feito, ese teórico aperturismo nos modelos de relación é totalmente falso. Programas como First Dates ou La Isla de las Tentaciones, por poñer un exemplo evidente, traballan sen descanso na perpetuación do modelo de amor romántico, iso si, co engadido consumista como único “avance”. 

Cantas máis veces se inicie o proceso de conquista, máis consumo se xera, segundo este tipo de patróns.

San Valentín

Crer que non hai intereses políticos e socioeconómicos nos patróns de relación hexemónicos é tan inxenuo como crer que eses modelos funcionan.

O día de San Valentín é unha demostración máis que evidente de que hai un sector importantísimo da economía e o consumo que precisa perpetuar o mito do amor romántico.

De feito, é moi curioso ver como racionalmente as persoas repelen, en parte, a parte máis cursi desta data pero cada vez caemos máis en «ter un detalle» ou en xustificacións da conduta consumista con argumentos como “é unha data para nos achegar á parella”. 

A solución pasaría pola destrucción dun sistema de valores que nos empurra dende o sistema de producción e o control ideolóxico. Pero vamos, que a revolución relacional non é para mañá. E que, se queredes celebrar San Valentín, a tope co festexo. Iso si, sede conscientes de por que precisamos desta motivación e que a exposición pública do amor non garante máis que a interacción en redes sociais. Pero o dito, que é tan lexítimo coma celebrar o Entroido, o aniversario ou o Nadal, vaia.

Aloia Alonso

Gustouche?

4.7 / 5. 14