Achégase a noite dos mortos que, na sociedade galega recuperamos co nome de Samaín mais, é o Samaín unha festa tradicional galega?
O mes dos mortos
O inicio do mes de novembro é representativo para moitas culturas do globo. En ducias de tradicións do hemisferio norte compártese a crenza de que o comezo deste mes abre as portas do máis alá difuminando os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Neste sentido son reseñables varias manifestacións distintas desta data conmemorativa como por exemplo o Día de Muertos, o Samaín ou Halloween.
- Na cultura mexica precolonial, a morte tiña un valor ben diferente do que lle outorgou máis adiante o cristianismo. Conceptos coma o castigo do inferno ou o premio do ceo non tiñan significación algunha para estas culturas que, coma puido ser o caso da civilización do Antigo Exipto, comprendían o falecemento coma unha viaxe exenta de vinculacións coa vida vivida.
- O Samaín é unha celebración puramente celta que indica o final do tempo de colleitas e “celebra” a entrada na escuridade (entendida como falta de luz, non como estado de ánimo). Os celtas tampouco lle daban á morte un valor filosófico se ben, como nas culturas mesoamericanas, crían na convivencia de ámbolos dous mundos. Neste sentido, moitas das tradicións que recollemos hoxe no Día de Defuntos, teñen que ver con esas horas de convivencia entre os vivos e os mortos: iluminar os camiños para que puideran voltar, celebracións gastronómicas nas que se lles ofrecía un bo xantar, o lume como elemento cohesionador e purificador, etc.
- O que hoxe coñecemos como Halloween xa non é unha celebración pagá, ao contrario que as nomeadas máis arriba. De feito e, aínda que ten a súa orixe na celebración do Samaín, o Halloween é unha festividade santa que data do século XI. Para entón, o cristianismo xa tiña un peso determinante na vida política e cultural europea e estaba rematando de adaptar as festas tradicionais das diferentes identidades á unificación dun calendario común de festexos santos.
No caso concreto do Halloween -orixinalmente Allhallowtide, das palabras halig (santo) e tide (tempo)- a data mudou o seu significado orixinal polo da conmemoración e ensalzamento dos mártires cristiáns.

É o Samaín unha festa arraigada en Galiza?
Pois ben, sobre isto hai certas discrepancias.
En Galiza temos unha serie de tradicións vinculadas a esta data do ano, o que non está claro é se son de orixe celta como tal. Dende logo nada que teña que ver coa entroidada que comezamos a facer agora, que diría o investigador e recuperador do Samaín, Rafael López Loureiro.
O que sí parece estar claro é que o noso magosto é outro exemplo de manifestación cultural de convivio cos mortos que, coma as antes nomeadas, tiña lugar arredor do 1 de novembro aínda que despois quixo facerse coincidir co día de San Martiño.
O máis semellante ao Samaín como tal que temos documentado en Galiza dende hai séculos é, pois, a festa do lume, o viño e as castañas.
A este respecto, os nosos magostos tiñan -e seguen a ter- unha fonda pegada pagá, e tamén de homenaxe aos mortos. A orixe supersticiosa disto non ten que ver, porén, coa imposición do culto cristián aínda que despois confluísen con certo sincretismo.
Murguía exemplifica isto mesmo documentando o carácter enormemente simbólico da castaña en Galiza que lle outorga un significado funerario a esta festa popular.
A cultura da morte en Galiza
Tradición atlántica
O mundo antigo situaba o paso á fin do mundo precisamente aquí, en Fisterra. Dalgún xeito, esta concepción histórica de que en Galiza remata o mundo imprimiunos unha certa cercanía co máis alá.
Recurrentemente nas culturas europeas atlánticas aparecen unha serie de augurios e de lendas compartidas tales coma as aves de agoiro, as mareas, as mouras ou, moi nomeadamente no caso galego, as cidades asolagadas.
Dun xeito pouco doroso, a tradición galega convive coa morte dunha maneira, imos chamarlle, especial. Desta forma, o que a sociedade cristianizada deu en chamar “resignación” non é senon a fonda pegada da tradición oral que nos sitúa como punta de lanza do mundo terreo á beira do mundo das ánimas.
A lúa
Prácticamente todas as culturas ritualizaron as fases da lúa. Dende moi pronto, as persoas foron conscientes da importancia do satélite na súa vida cotiá.
Neste sentido, Galiza non só non escapa a esta “sacralización” da lúa senon que, precisamente pola grandísima influenza do océano na nosa conformación identitaria, o satélite da terra gaña un peso aínda maior.
Na tradición e o folclore galegos faise alusión de xeito constante á lúa como agoiro mais tamén como salvagarda. Nunha sociedade mariñeira e agrícola, a luz na noite ou a falta dela, por exemplo, son condicións de extrema importancia.
Estes datos sobre a nosa relación coa morte válennos para exemplificar que existe unha tradición propia para este momento do ano e un conxunto de características culturais de noso, sexan ou non de tradición celta. Chamémoslle Samaín, Día de Defuntos ou mesmo Halloween, debemos ser conscientes de que as nosas coordenadas xeográficas, o clima ou a paisaxe, influíron na nosa relación cos mortos independentemente das características que compartimos con outros pobos máis ou menos semellantes a nós.