Cada certo tempo, a historia quere que coincidan no mesmo período temporal, unha serie de persoas con compromisos artísticos, anhelos e ideoloxías semellantes. Cando isto sucede e esas persoas son, ademáis, cerebros excepcionais, fálase de ruptura, vangarda e renovación. A xeración Nós é unha desas casualidades kármicas que revoluciona as bases do deseño, a literatura e o pensamento galegos.
A xeración Nós
Baixo a designación «Xeración Nós» reúnense diferentes autores que construíron un dos proxectos fundamentais da nosa cultura: a revista Nós, da que falaremos máis adiante.
O grupo estaba formado por Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 -1976), Vicente Risco (Ourense, 1884 -1963), Antón Lousada Diéguez (Boborás, 1884 – Pontevedra, 1929), Florentino Cuevillas (Ourense 1896 -1958) e, por suposto, Afonso Manuel Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886 – Bos Aires 1950).
Agás este último, todos os demáis membros partían dun completo desapego por Galiza nunha búsqueda de cosmopolitismo que máis adiante comprenderían como “absurda” sen o coñecemento e a valoración do propio.
Este grupo de homes – pese a todo, aínda estamos nun momento no que a alta cultura non bota en falta a figura da muller -, que coincidiron tamén como activistas nas Irmandades da Fala, apostou por darlle ao seu país unha cultura elevada. Para elo, trataron temas que aínda nunca antes se trataran en lingua galega (a investigación, por exemplo) e apostaron por manifestacións artísticas e razonamentos filosóficos baseados nunha concepción moderna dos mesmos. A renovación radical das artes galegas que se lles debe, convirte a esta xeración, nun fito de altísimo valor simbólico.
O grupo ou xeración Nós – hai certo debate coa enmarcación- ten, entre outras, a particularidade de que todos os seus integrantes son intelectuais con estudos universitarios e enorme talento para a escrita. De sobra son coñecidas as súas aportacións á nosa literatura, mais repasemos algunhas:
- Os camiños da vida (1928), Arredor de sí (1930) de Otero Pedrayo
- O porco de pé (1928), Nós os inadaptados (1933) de Vicente Risco
- Os Oestrimonios (1929) de Florentino Cuevillas
Castelao
Mención aparte merece Castelao e a súa obra.

Médico de formación e debuxante de forma e paixón, Rodríguez Castelao é unha das figuras máis polifacéticas e relevantes da cultura galega moderna. A Castelao debémoslle, entre outras cousas, a tipografía Gallaecia – identificada como fonte tipográfica galega -, que deseñou expresamente para a revista Nós. De feito, o autor de Cousas (1926 – 1929) ou Os dous de sempre (1934), foi o encargado da parte de deseño e maquetacion da histórica publicación.
A revista Nós
O 30 do mes de outubro deste rarísimo 2020 cúmplense 100 anos da primeira publicación da Revista Nós.
En 1920 saía á venda un ambicioso proxecto que pretendía poñer en valor as letras e as ciencias galegas mediante ensaios e investigacións que achegaban, na nosa lingua, as correntes filosóficas e científicas do momento. Así, na revista veriamos, por exemplo, traduccións das obras dos máis importantes autores en lingua extranxeira, coma James Joyce, transcrito por Otero Pedrayo.
Para as persoas que facemos Rei Zentolo, esta publicación ten un valor extraordinario. Xa non só polo que, meritoriamente, lle corresponde, senon como inspiración conceptual de construcción de país dende as artes.

Este humilde blogue, por exemplo, pretende facer unha achega de manifestacións culturais máis denostadas ou descoñecidas, porque cremos firmemente que en Galiza hai tanta capacidade artística, deportiva ou científica coma en calquera outro punto xeográfico do globo; mais hai que potenciala, agarimala e crela.
Nós, coma os homes de Nós, cremos no universalismo e o intercambio de inquedanzas e ideas, mais sempre coa base do propio ben afianzada.
Ademáis, sendo como somos, un equipo de persoas que sentou os piares do seu proxecto na aposta polo deseño galego, esta publicación e o traballo que Castelao fixo con ela, é un punto de referencia esencial. A filosofía Nós está inserida en cada traballo que facemos.
Por mil revistas Nós que saian e por non esquecer nunca a quen fixo posible o que hoxe somos. Felices 100 anos.