Sen ánimo de facer apoloxía de ningunha forma de Estado concreta, con motivo do 90 aniversario da proclamación da Segunda República Española, recuperamos un feito histórico que non todo o mundo coñece: a efémera e, por que non dicilo, deslavazada proclamación da Primeira (e, de momento única) República Galega.

Antecedentes da República Galega

Sempre se dixo que as galegas e galegos somos persoas discretas. Un pouco esa filosofía de La Veneno, tan reivindicada últimamente, que di iso de “valgo más por lo que callo que por lo que hablo”.

A comezos dos anos trinta do século pasado, Galiza acusaba unha situación de grave desatención por parte dos gobernos centrais que a colocou como a rexión con maior exportación de man de obra migrante. No territorio, a falta de medios de explotación dos numerosos recursos naturais e a falta de infraestruturas, reflectía un panorama desolador de atraso e agravio comparativo. 

É certo que, en 1930, a situación de descontento e a conflitividade social estaban a darse con maior ou menor intensidade en todo o territorio español xa que se viña de grandes derrotas militares coma a perda das últimas colonias e unha situación política enormemente inestable (ditadura de Primo de Rivera e exilio de Afonso XIII).

A República española

Trala proclamación da República o 14 de abril de 1931, ten lugar un crecemento importante dos movementos obreiros e os sindicatos, propiciado non tanto polo novo rexime democrático, senon polo contexto social e político mundial. A estas alturas -e un pouco para desmitificar esa visión hiperromantizada do que foi a II República- cabe nomear que unha das primeiras medidas que se toman con respecto ao noso país, foi a paralización das obras do camiño de ferro que unirían Zamora e A Coruña. Infraestrutura de vital importancia para Galiza e que Indalecio Prieto, Ministro de Facenda por entón, tildou como “de dubidoso rendemento”. A paralización destas obras deixaba sen traballo e sen sustento a máis de 12.000 operarios que traballaban en condicións terribles: durmían en barracóns e camiñaban catro horas todos os días para chegar ao traballo, por exemplo. Pero traballaban, algo importantísimo nunha Galiza sen industria e cunha fonda ferida no sistema agrario e pesqueiro.

Este feito motivou a lóxica mobilización dos obreiros que viu acompañada, coma calquera detonante nun caldo de cultivo propicio, por outras reivindicacións; algunhas de clase, outras non tanto. 

O galeguismo

As aspiracións nacionais das galegas e galegos de entón, pouco ou nada teñen que ver coa teoría e o perfeccionamento dos movementos nacionalistas posteriores. 

Non é exactamente certo que existise unha vontade popular, imos chamarlle, independentista. Hai que partir da base de que falamos dunha enorme maioría da sociedade sen formación académica, por exemplo (certo que nos seguintes anos se tentará poñer solución, pero a comezos da II República, os datos eran os que eran). Ademais, cuestións coma a lingüística, eran un problema de facto, pero non un conflicto para a poboación. Que Galiza era diglósica? Dende logo. Que isto non supuña maior problema para a meirande parte dos seus habitantes? Tamén. Daí a apelación inicial á mítica frase de Cristina Ortiz.

O problema, era pois, que as galegas e galegos comezamos a darnos conta de que, nin República nin Monarquía (lamentablemente nin a posterior Autarquía), nos tiñan en conta. O illamento sistemático e o “segundo plano” no que estabamos xa afeitas e afeitos a vivir, non se enmendaba, pasase o que pasase. O sistema caciquil deste territorio, tampouco axudaba.

A proclamación da República Galega

E aquí o galeguismo entra a intentar tirar tallada pola vía da proclamación dunha República Independente da Nosa Casa. Que ollo, efémera si, pero xa nos durou máis que os 56 segundos da última República catalana!

Xa falando en serio, foi en Ourense onde, a noite do 25 de xuño de 1931, ocupouse a Casa do Concello despois dunha multitudinaria manifestación de protesta pola paralización das obras do camiño de ferro. Esta ocupación (bastante pacífica) desenvocou nun “agárrame aí ese cubata” e un “aquí comeza a República Galega”, “Spanish go home”, ou cousas do estilo.

Con esta última frase (da que non existe corroboración) dábase unha pequena contradicción e é que foi precisamente un pobo español (vai haber quen me insulte), Pobra de Seabra, o primeiro en unirse a este novo Estado Galego, mais xa mirarían de arranxar entre eles máis adiante, supoño.

A cousa non chegou a máis: o Gobernador Civil negou o recoñecemento da República e a xente foi durmir.

Pero a semente xa estaba posta e, dous días despois, o 27 de xuño, Alonso Ríos foi nomeado Presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega, un título que, sinceramente, prometía un montón. Spoiler: ao final non.

É certo que houbo unha manifestación considerablemente nutrida ata o Pazo de Raxoi onde Alonso Ríos reitera dende o balcón a proclamación da República. Un discurso de arenga e moi sentimental que foi vitoreado pola multitude presente. Non moito máis tarde chegou unha comunicación do Goberno Central en Madrid que debía vir dicindo algo así como “Non” e o novo goberno republicano galego dixo “Vale”. Porque, como xa dixemos antes, somos xente tranquila.

Gustouche?

5 / 5. 7