Sacabamos en xullo un artigo no que abordabamos aspectos sobre o Xabarín Club. Tanto éxito ten o noso blogue que,  de seguro influímos na petición da Mesa Pola Normalización Lingüística da “canle Xabarín”.

Entón, que teima nos deu agora co Xabarín Club?

Se queremos entender ben que está ocorrendo con este novo movemento popular que berra por unha programación galega en galego -que cousas, verdade?- temos que partir do coñecemento de dúas realidades:

  1. A xeración galega dos 80 está regular. Estamos tocados. Sen traballo, sen ocio, sen cartos e sen Xabarín Club. Unha desgracia.
  2. Hai unha ampla porcentaxe de poboación galega que esixe un contido digno, cultural e lingüísticamente falando, dunha canle que pagan e, como xa dixemos que estamos sen un peso, somos moi sensibles con tirar cos cartiños.

A petición da Mesa 

A MPNL presentou unha proposición non de Lei ao Parlamento Galego para solicitarlle ao goberno un aumento do espazo infantil na CRTVG que garanta un contido de calidade en lingua galega. A petición incide tamén na necesidade dunha programación actualizada na que a dobraxe e subtitulación sexan no noso idioma.

Ao presentarse como iniciativa popular, han de reunir un mínimo de sinaturas para que se poida levar adiante e, para iso, teñen activado no sitio web un espazo para colaborar coa sinatura.

Por que debe volver o Xabarín Club

A necesidade da volta dun programa do como o Xabarín baséase, non só na cuestión da normalización da fala na primeira aprendizaxe das rapazas e rapaces -fundamental-, senon no tipo de contido que achega.

Moito se ten loado, e con razón, a aportación musical do Xabarín Club, mais hoxe queremos facer fincapé no traballo de socialización dun tipo de disciplinas ás que non é frecuente que se lle dea presenza en espazos infantís: a literatura e as artes plásticas. Máis en concreto a unión de ambas: a banda deseñada.

A banda deseñada no Xabarín Club

Miguel Anxo Prado

Hai que partir da base de que o creador de imaxe do Xabarín Club é Miguel Anxo Prado, peza chave da ilustración galega na segunda metade deste século. O autor da brutal novela gráfica Ardalén ou da longametraxe De Profundis, é un referente da ilustración e, moi especialmente, da banda deseñada deste país. Tanto é así que rematará construíndolle a súa propia aventura gráfica ao Xabarín con Os Vixilantes do Camiño.

Prado impronta na estética das animacións do programa un inconfundible deseño que lembra, non tan remotamente, a traballos anteriores como Quotidianía Delirante.

Doutor TNT

A influenza do Doutor TNT na didáctica do cómic é moito menos sutil que a de Prado. O guionista Carlos Portela, absoluto apaixoado desta manifestación artística, protagonizaba un espazo do informativo Xabarín News baixo o alterego de Doutor TNT. Brillante e delirante a partes iguais, o coguionista do programa achegáballes ás rapazas e rapaces o inmenso e seductor mundo da banda deseñada dende a súa cova de primeiro freak

Cunha paixón absorvente, Portela falounos de anime con propiedade. De ti a ti. Algo pouco habitual nos programas con público infantil e adolescente. No tocanteao cómic “occidental” Batman, por suposto, e tamén de La Saga de los Incales e de Arzach

Animámosvos, pois, a participar desta petición ou de calquera outra que axude ás futuras xeracións a coñecer o panorama cultural deste e doutros entornos. O saber si debe ocupar lugar na televisión pública.