Dicían os Ataque Escampe que Galicia es una mierda e o algoritmo de Google debeuno entender de maneira literal. Malditos hipsters e a súa elevada ironía!
Por que importa tanto o algoritmo de Google
Hai uns anos a supervivencia dunha lingua dependía, fundamentalmente, da incorporación de novos falantes e, de forma tanxencial, das publicacións en medios de comunicación audiovisuais e impresos. De feito, a normativización lingüística debería actuar como resposta a unha demanda colectiva, a unha necesidade social. Isto é así agás en linguas en situación de marxinación e vulnerabilidade como é o caso da nosa. Neste tipo de situacións anómalas, a supervivencia do patrimonio inmaterial que supón unha fala, ten moito que ver coa súa presenza en espazos de interacción masiva, é dicir, coa normalización do seu uso en ámbitos administrativos, culturais, profesionais, etc.
Non imos entrar en debates estériles sobre a necesidade ou falta dela de recoñecemento da lingua xa que isto nos levaría a buscar culpables nun proceso premeditado e alevósico de destrucción da mesma. Inevitablemente chegariamos a ter que analizar os motivos últimos da necesidade de aniquilación dunha identidade e iso, é fariña doutra muiñada.
Retomando as características de supervivencia lingüística que nomeabamos no primeiro parágrafo, é necesario incluír un novo medio indispensable para a transmisión e perduración de calquera idioma: os buscadores de internet.
Ei Google! o algoritmo non nos recoñece
Temos moi pouco ánimo de converter este artigo nun pano de bágoas ou nun panfleto aleccionador. O que temos é un problema que imos tentar expor por partes.
O feito de que o algoritmo de Google non recoñeza o galego como lingua afecta de forma tan ampla que é necesario abordar as diferentes problemáticas por partes. Así, hoxe só veremos como nos perxudica o algoritmo na parte de posicionamento pagado ou SEM.
Que é posicionamento pagado ou SEM?
A definición de SEM fai referencia a aquelas ferramentas de pago que nos axudan a aparecer nos buscadores ou, simplificando un pouco, é a publicidade en liña. No caso do maior buscador do mundo (Google), a plataforma que permite pagar por aparecer nos primeiros postos do buscador chámase Google Ads.
Que quere dicir que o algoritmo de Google non recoñece unha lingua?
Cando o algoritmo de Google non recoñece a lingua na que queres publicitarte ocorren dúas cousas:
A primeira é que non che permite enfocar os teus anuncios ás persoas que utilizan o galego como lingua de configuración no seu dispositivo ou nas súas búsquedas.

Nesta imaxe vemos como si que nos permite seleccionar potenciais clientes que navegan en catalán ou en castelán. Se fixesemos algo de scroll nas opcións lingüísticas veriamos que, inmediatamente despois do finés só temos o grego para elixir.
Polo tanto, facer unha campaña para galegofalantes é imposible como tal a nivel de configuración. Primeira na fronte do algoritmiño.
Pero non contento con isto, o algoritmo de Google tampouco nos permite…redobre de tambores… escribir anuncios en galego! Ouh yeah.

Como vedes na imaxe, Google da por feito que un texto publicitario escrito nunha lingua oficial como a nosa é ortográficamente incorrecto e, polo tanto, bloquea a súa publicación. En resumo, se queremos publicar un comercial en galego normativo, máis nos vale ter unha imprenta de man porque no que ven sendo soporte dixital, imos dados.
Efectos da discriminación algorítmica
Cando unha ferramenta como Google Ads non contempla a posibilidade de utilizar unha lingua cooficial nun territorio está -agardamos que inconscientemente- aplastando a expresión online da mesma. Con isto case poderiamos dicir que destruíndo as súas posibilidades de expresión, así sen máis.
É un círculo perigosísimo xa que, ao non poder publicitarnos en galego, temos que facelo en castelán o que conleva á asociación do usuario e usuaria a unha soa lingua no ámbito dixital -castelán- e, polo tanto, ao uso único desta cando se mova na rede. A quen, como en Rei Zentolo, insistimos en querer publicitarnos en galego -é por se non quedou claro: lingua COOFICIAL en Galicia– obrígannos a utilizar un deprimente castrapo que fraco ou falso favor nos fai.
Facemos un chamamento á empresa Google e ás autoridades competentes en materia lingüística de Galicia para que atallemos un obstáculo na libre expresión en lingua galega que, en principio, ten fácil solución.