O martes 12 de xaneiro deu inicio o ano 2971 do calendario amazigh. Con motivo desta data, achegámonos á cultura dos e das imazighen.

O pobo amazigh

Os e as imazighen (plural do termo amazigh) son un conxunto de etnias que habitaron históricamente o norte de África. Son coñecidxs polo termo de orixe grega bereber, se ben, elxs autodenomínanse na súa lingua e dende moito antes da presenza grega na zona como imazighen que se traduce por “homes libres”.

O pobo amazigh esténdese dende as Illas Canarias ata o extremo oriental de Libia e chega ao sur do Sahara na súa expansión.

Contan cun conxunto de linguas propias que se coñecen como linguas bérberes que teñen o seu alfabeto propio, o tifinagh, dende o século III antes da nosa era. A orixe das linguas amazigh non é clara e cada rexión manifesta unha variante dialectal de seu. Se ben, comparten características comúns na súa orixe coma a exención de núcleo silábico para a súa articulación fonolóxica.

Mapa das linguas bérberes no norte de África.

A cultura amazigh

Os imazighen son un pobo disperso e sen Estado. Non están recoñecidos de maneira oficial en moitos dos territorios que habitan, ao punto de que a súa bandeira, a bandeira do home libre que aparece na portada deste artigo, chega a estar prohibida en algún deles como Alxeria.

A bandeira amazigh é enormemente simbólica: é azul, coma o Mediterráneo, verde coma o norte de África e amarela coma o Sahel. Cando o xogador do Sevilla F.C., Munir El Haddadi a levantou na celebración do título da Europa League, conmocionou a medio mundo. A uns polo absoluto descoñecemento do significado do pano, a outras pola grande carga vindicativa da visibilización do pobo amazigh.

Son un pobo de orixe caucásica, de tez cetrina e, en moitas ocasións, ollos claros e pelo roxo, algo ata certo punto sorprendente dende a ollada eurocentrista que intúe ao Magreb como fenotípicamente árabe.

Coma as galegas e galegos, contan cunha moi elevada porcentaxe de poboación na diáspora, nomeadamente en países coma Bélxica, Países Baixos, Francia e España, pois pertencen a territorios ricos en recursos, en moitas ocasións, mais empobrecidos polas políticas dos Estados que os gobernan.

Están influenzados polas culturas mediterráneas dende os fenicios aos árabes, se ben desenvolveron unha mitoloxía e unha cultura de seu, sustentada na tradición oral. 

Estes pobos, eminentemente comerciantes e agrícolas, teñen un forte autoconcepto identitario que lles permitiu manter durante séculos e séculos a idiosincrasia amazigh contra a negación e os conatos de colonización e sometemento externos.

O Rif

Os imazighen teñen a fortuna pero, sobre todo, a desgraza de habitar zonas de enorme valor estratéxico, o que os convertiu históricamente en obxectivo de sucesivas invasións. Por proximidade, tomamos como exemplo a rexión do Rif, territorio do norte de Marrocos que foi ocupado en numerosas ocasións: polos fenicios ou os cartaxineses na historia antiga, polos franceses ou os españois na historia recente. É sorprendente a capacidade de resistencia dos imazighen do Rif que aguantaron as embestidas ao punto de gañar a súa independencia como territorio libre entre os anos 1921 ao 1926, logo da famosa Guerra do Rif, que deixou ao exército español esgotado e incapaz de domar á rexión e aos seus habitantes. Foron gaseados, bombardeados e humillados de maneira reiterada tanto por Francia como por España e Marrocos despois, pero ningún Estado foi quen de asimilalos.

Neste sentido, o Rif continúa sendo unha zona en conflicto xa que, por unha banda é xeopolíticamente imprescindible, pero por outra supón un elemento desestabilizador para o reino de Marrocos, que coñece ben aos indómitos imazighen e gusta pouco da súa autoconvicción.

Tanto é así que a día de hoxe, o Rif continúa pagando a súa “desobediencia” a moi alto prezo cunha guerra oculta que o goberno Marroquí lles ten dende hai tempo declarada.

Hoxe queremos sumarnos ao desexo do pobo das mulleres e dos homes libres de seren exactamente iso, libres, e respectados na súa cultura e a súa terra. Que este 2971 que comeza, sexa para os imazighen un ano conquistas e desexos cumpridos.

Aloia Alonso

Gustouche?

5 / 5. 8