Fotografía Cristina Brea
Francisco Castro, actual director da histórica editorial Galaxia naceu en Vigo en 1966. Vén de ser nomeado vigués distinguido pola súa «extraordinaria contribución á cultura galega» tanto como editor como pola súa «extraordinaria aportación» persoal como escritor.
Eu teño a fortuna de coñecelo dende hai, literalmente, media vida e a súa aportación no meu desenvolvemento persoal merecería ser galardoada á parte.
Profundamente amable e próximo, é tamén un home ácedo e retranqueiro. Mais se algo chama especialmente a atención en Francisco Castro é a capacidade de observación e de análise que nunca saberei se son un «defecto de forma» ou viñeron dadas por «deformación profesional».
Gustábache o ensino?
A min encántame o ensino. O que nunca me gustou e, non me molestaba en disimular e continúa provocándome rexeitamento é todo o que rodea o sistema educativo. Toda a cuestión de notas, avaliacións… A tremenda inxustiza, porque o é, de xulgar numéricamente, á que non lle vexo sentido de ningunha calse. E logo, claro, é que eu impartía unha materia, Filosofía, moi maltratada pero cunha enorme importancia (cremos xs que nos adicamos a isto). Penso que, como profe, tes dúas opcións: ou convertirte nun docente que imparte a materia sen máis ou, como eu pretendín, utilizas a materia para espertar cousas que no público adolescente están de serie: un adolescente ten que ser crítico, ten que ser contestatario. Eu intentei enfocalo por aí.
A miña filla cumpre 13 o mes que vén e estou feliz de ver como lle brota toda esa rabia. Penso: “Ben, unha nena normal. Está preocupándose desas cousas”.
Botei 18 anos impartindo aulas e, neses anos, tiven a fortuna de atopar persoas nas que vía que o que contaba tiña algún tipo de repercusión. Integrábase nelas e neles e manifestábase de forma positiva. Como non me ía gustar ser profe!
Ti tes unha capacidade asombrosa de empatizar. Lembro con especial detalle os diferentes tipos de miradas e de tratos a cada unha das alumnas e alumnos. Moito esforzo en comprender a aula, non como un todo, senón como un conxunto de particularidades. Iso non é habitual. E o que me pregunto é se iso ten relación co que fas agora que, en realidade, tamén trata de peneirar.
Pois… imaxino que iso vai no animal. En todo caso, tanto para analizar unha aula coma un barrio, xa por non meternos en “os homes son”, “as mulleres son”… ben, eu penso que iso é unha eiva intelectual. É dicir, o primeiro que hai son persoas. Como aquí, en Galaxia. Eu teño compañeiras e compañeiros que formamos parte disto, se ben cada quen é de seu pai e de súa nai. Eu mesmo esixo ser tratado con singularidade.
Lembro unha sensación brutal, xa con corenta e pico anos, que foi decatarme no metro en Londres de que ninguén tiña a mesma cara. Pasaban centos de persoas e decateime de que ninguén tiña a mesma cara. “Que chorrada!”, dirás ti, pero a min valeume para afondar na singularidade. E vivimos nunha sociedade que nos trata coma rabaño, como grupo. Máxime nesta situación que vivimos de pandemia e que os estados están aproveitando para recortar e recortar e recortar cada vez máis liberdades.
Están a desenvolverse máis ferramentas (coma o recoñecemento facial) que van encamiñadas a unha exaustividade do coñecemento de cada un, que despois serán empregadas para a publicidade, a política e un longo etcétera. Entón, eu penso que este é un momento perigoso e ten que ver, aínda que non o pareza, co que comezamos falando: para min como profe era fundamental que cada un e unha fose cada un e unha. É dicir, hai cousas (como titor) que as tratas como grupo, pero cada persoa é distinta e tes que atender a cada unha como individuo.
Educar, en grego, significa “levar da man”, “acompañar”. Ti es adulto e pola túa experiencia e a túa formación estás capacitado para “guiar” a outro cara a outro sitio. Entón, cando o ensino se reduce a unha gráfica de aprobados, cando se avalía a calidade educativa polo cerca que se está da nota máis alta ou, ese modelo que con Wert (anterior Ministro de Educación na época de Eme Punto Rajoy) dicía aquilo de “premiar a cultura do esforzo e o esforzo con notas” a min revólveme. Moita xente que fala con tanta naturalidade a día de hoxe de que hai que seguir as aulas en liña, parece que non contemplan que hai alumnxs con serios problemas para ter conexión e/ou para pagar esa conexión.
No fondo a miña maneira de dar aulas, de editar, de escribir e de relacionarme coas mulleres e cos homes polo mundo é unha actitude política. Coma todo nesta vida.

Entrevistei a outros artistas que comentan algo semellante ao que dis ti. Non sei se é unha corrente de pensamento ou hai un grupo de persoas que chegan a conclusións semellantes mais, estas persoas dicían que ese pragmatismo, esa xerarquización do alumnado… falla.
A ver, é que é moi cómodo. É tremendamente cómodo. Avaliar conta cun dato obxectivo indiscutible que é a nota. É discutible o por que desa nota pero, unha vez que a tes, xa podes xerarquizar. É un método extremadamente cómodo de organización e, sobre todo, que é do que se trata, de control. O sistema educativo peca dun exceso de control. Pensa que levamos co mesmo modelo, polo menos 50 anos. E ten pouco sentido nun momento no que, aquí dentro -sinala o seu tlf móbil- podo acceder de forma inmediata a case calquera coñecemento.
Vou facer unha confesión: eu son desa xente que, zapeando, atopo Pasa Palabra ou Ahora Caigo ou un destes e quedo. Prométoche que quedo a velo. Porque me da gustito saber as preguntas – río a cachón-. Si, si, eu fago isto. Pero como un hooligan, ademáis. E cabréome se xs concursantes non as saben. E berro e todo: “Pero como no sabes la h!” Eis o fracaso do sistema educativo!” E isto é porque, moito do que se pregunta, é da aprendizaxe da Primaria.
Eu xa teño dificultades para axudar á miña pequena nalgunhas materias. En matemáticas directamente fuxo – volvo rir a esgalla- .
Por que tanta énfase nun modelo que sabemos que non é educativo?
É imposible verlle o pragmatismo a determinadas materias (durante os anos de ensino) pero tamén porque non se nos axuda a verllo. De aí que non fixemos segundo que coñecementos.
Estamos valorando a memoria ou un tipo de intelixencia. Hai unha cousa que se chama intelixencia emocional, por exemplo, que dende logo o sistema académico tradicional nin contempla. Desprézaa, mesmo. E se es home, aínda máis.
Está todo eivado pola Selectividade. O mesmo feito de que teñas que chegar a unha puntuación determinada para acceder a determinado tipo de estudos condiciona, e moito, todo o que está arredor.
A titulite…
Curioso, si. Cando os que máis ingresan son os Messi, os Cristianos Ronaldos… e, vou dicir algo con todo o cariño e o respecto do mundo: cando Cristiano Ronaldo estivo sentado no banco como acusado polos seus problemiñas con Facenda, el di que non ten a primaria e que lle custa moito entender o que lle están dicindo. De aí o do cariño e o respecto porque, pobre home, non?
Pero, certamente, iso non lle impide ingresar auténticas barbaridades. E, se te fixas, non pasa nada.
Imos falar agora do caso contrario, de intelectuais profundxs: tes unha muller como Ana Rosa. Está comprobado (ao punto de que planeta tivo que retirar o libro) de que a súa novela é un plaxio doutra novela. E non pasou nada. Segue a ser a raíña da programación matutina, ten a súa propia revista, e cobra unha animalada.
Ou El Rubius! Veño de ler que a empresa de El Rubius facturou o ano pasado máis de dous millóns de euros entón… que facemos ti máis eu estudando? Debemos ser parvos, non? Eu, despois desta entrevista voume facer youtuber, téñoo claro.
De todas maneiras, non todo o mundo que non sexa Belén Esteban e publique, é brillante.
Non, para nada. Aí hai que distinguir entre o que é publicación de literatura e publicación de libros. Son cousas distintas.
Se vas a unha gran cadea como Fnac ou La Casa del Libro, verás que hai un montón de libros “escritos” -fai fincapé en que escritos vai con aspas- por youtubers. Mesmo youtubers infantís. Alguén lles escribe un libro e eles asínano. Bueno, iso ten que ver co negocio editorial. Galaxia, por exemplo, nunca asinaría este tipo de contratos. Porque en Galaxia publicamos libros: literatura boa, mala e regular, loxicamente. Publicamos ensaios de máis profundidade, de menos, pero sempre intentando que o criterio sexa un criterio de calidade e un criterio de utilidade: que lle achega isto á cultura galega, á sociedade galega. Ao proxecto que hai 71 anos un grupo de represaliados do franquismo bota a andar baixo o nome de Editorial Galaxia.
As cifras de consumo son as que son: a min séguenme en Twitter 10000 persoas e a Jorge Javier (a quen lle mando un bico dende aquí) 10 millóns. A sociedade está así. Pensa, por exemplo, no de Pablo Hasel…
Eu facía unha reflexión en Twitter na que dicía que hai cancións da miña adolescencia como “Matar hippies en las cíes” de Siniestro Total, “Alégrame el día, torero”, “Ayatolah, no me toques la pirola”, etc. Eran uns punkis e, como tal, facían un exercicio de provocación. Máxime tendo en conta que España viña de 40 anos dunha enorme represión. No cine víase o nocello dunha muller e había homes que fibrilaban… Entón, toda esa música a día de hoxe non se podería publicar porque os meterían directamente na cadea. Como é posible que en 2021 esteamos involucionando, vendo medrar a represión?
“Muerte al kapital”, hoxe sería impensable. Propós ese contido a día de hoxe en televisión e chaman ao xuíz: aquí hai uns tolos que me queren perverter os nenos.
Os Sex Pistols gravan “God save the Queen”… e non pasou nada. Pero hoxe si.
A min non é que me entusiasme especialmente Hasel, pero o debate é sobre a liberdade de expresión.
Efectivamente. A min tampouco é que me guste moito, pero penso que non vai preso por cantar regular
Non, porque entón entrariamos na cadea moitísima xente. É unha idea, ollo: “Vostede canta fatal, para dentro!”.

Claro, o que ocorre é que para iso habería que tocar a Constitución…
Si, si. Pero como xa sabes, a Constitución só se tocou unha vez e para unha cuestión económica. Aínda que imaxino que será cuestión de tempo.
Se realmente a monarquía cre que metendo preso a Pablo Hasel ou calquera outro, o sentimento antimonárquico vai minguar… -levanta as dúas cellas con expresión de dúbida. Hai certa maldade no seu sorriso e eu pártome de risa-.
Realmente é meternos nun fregado… hai agresións dese home que teñen que ser penadas, pero non é o debate actual.
O Estado, a Monarquía, fano fatal. Como o fixeron fatal o 1 de outubro mandando a policía a paus contra a xente. Xente que quería votar, aínda que fose en furnas de mentira.
Si, ten o mesmo sentido que se mandas á policía a paus contra a xente en Xinzo porque se queren disfrazar
Ti non deas ideas… Fíxate, pos un bo exemplo: o entroido era moitísimo máis crítico antes, moitísimo máis atrevido. Hoxe o que hai é medo a ofender alguén.
O cantante de Siniestro falaba disto mesmo: a canción “Alégrame el día…” -levanta unha cella mirando para min- Alégrasme o día se morres toureando. Hoxe montaríase un cristo monumental.
O perfeccionamento dos mecanismos de control a través da (sempre) teórica e, neste caso falsa, idea de que a nosa opinión individual conta e decide é sublime
Isto xa o denunciaba a Escola de Frankfurt nos anos 60 do século pasado, explican como os Estados se nutren de mecanismos cada vez máis sutís de control. Xa nos 90, Spielberg fai aquela peli, Minority Report, que, daquela era distópica e hoxe xa se ve con outros ollos. Detencións preventivas. E imos cara a iso. De feito, todo o tema das cookies. Aceptamos sen ler e vai ti saber o que estás aceptando. O outro día vía un capítulo de Padre de Familia no que aceptaban as cookies e pegábanlle un puñetazo. “Que hace?”. “Ha aceptado las cookies”.
Pois neste e noutros campos, estamos aceptando todo tipo de barbaridades que van en detrimento da nosa liberdade.
O Estado, por definición, é controlador. O primeiro cometido que ten alguén cando chega ao poder é precisamente manter o poder. Entón, neste momento, o Pisuerga pasa por Valladolid, mel sobre filloas. Algo bo se lle vai sacar á pandemia e o bo é iso: o control. Coa escusa da túa saúde e da túa seguridade… como a Patriot Act que se aproba dous días despois dos atentados das Torres Xemelgas.
O uso do medo é a mellor fórmula que existe.
Claro. Durante o Franquismo (eu era moi pequerrechiño) falábase da conspiración xudeomasónica, e meu pai facía moita broma con isto. Xa só a formulación do nome, (que agora me decato de que é un nome moi chulo para un grupo) xustificaba calquera cousa. “Hai xente interesada en cargarse España”. Bueno, pois pasan 50 anos e é exactamente igual. Un ve os medios da dereita e a impresión é que realmente pensan que, cando Pablo Iglesias se levanta pola mañá, a súa grande obsesión é ver que pode facer para romper España – méxome de risa-, pero o problema é que realmente hai xente que o cre.
Hoxe nun xornal español vin un titular que era: “Los violentos apoyados por Podemos causan disturbios”. Pois non, perdóeme vostede, pero a información é: “Os violentos causan disturbios en apoio a Pablo Hasel”. O outro non é facer un titular, é facer ideoloxía.
Como dicías ti, o medo xustifícao absolutamente todo.
Si. Xustifica e homoxeneiza moito a resposta e o sentir
Hai un sentimento de colectividade que asume a ameaza, efectivamente.
Máis visto que o tebeo, por outra banda.
Está moi estudado. O medo é un sentimento primario que fai que, para protexernos, renunciemos a un pouquiño de racionalidade. O corpo, nunha situación de tensión, xera moitísima adrenalina. Por que cando a xente discute, despois se arrepinte do que dixo? Hai unha parte do cerebro que, imos expresalo así aínda que non sexa rigoroso, que aloxa á racionalidade. Nestes momentos de medo, chega menos osíxeno a esa zona, por iso razoamos peor.
Cando o Rei de España (vouno dicir) sae a colación do 1 de Outubro vestido de militar, estalle metendo medo á poboación.
Si, e facendo algo moi perigoso que haberá que analizar co tempo
Xa o dixen nos faladoiros que é unha liña vermella cruzada con pouco retorno.

No eido literario vivides tamén esa presión de que se publica e que non, non? Para exemplo o secuestro de Fariña.
Pois outra barbaridade. A min o que me gustaría é que VOX, por exemplo, fixese unha campaña de desprestixio dun libro meu.
Non che desexo nada mellor para a túa carreira
Direiche que con VOX teño unha relación en RRSS moi interesante. Agora pasa menos (debo estar volvéndome brando), pero houbo épocas, sobre todo os luns, que me dicían de todo. Dende que eu cobraba do independentismo catalán (aos que aproveito para dicir que creo que lles pasei mal o número de conta, porque aínda non me chegou nada), que cobraba da Xunta de Galicia, algo igualmente fascinante e, o máis mellor foi cando dixeron que era amigo de terroristas. Algo que, non me consta, pero que, ademais, non ten repercusións legais para quen o di. Só as tería se me chamasen terrorista a min directamente.
Galaxia está vivindo un momento estupendo dende o punto de vista da creación. Neste momento hai un mollo importantísimo de escritores e escritoras que, rápidamente dende a súa publicación as súas obras son vendidas a outras latitudes lingüísticas. Eu mesmo veño de publicar en Serbia O neno can. Foi moi divertido cando nos enviaron as probas da tradución para ver se había erros. Imaxina as nosas caras “ah, si, aquí falta unha kj”
Nese sentido, o nivel do ensaio, da literatura infantil e xuvenil, etc. é estupendo. Outra cousa é, coma sempre, o mercado.
Isto explicábao moi ben Castelao. Hai algo parecido a un espírito suicida que nos leva a rexeitar todo o noso e, semella que só se conseguimos triunfar fóra, será cando aquí se nos teña presentes.
Isto vén dado polo labor histórico de desgaleguización á que lle hai que sumar, vouno dicir así, -di isto sílaba a sílaba- a pouca énfase que a Administración pon en apoiar os produtos culturais galegos.
Póñome serio para dicirche que creo que o Xacobeo é importantísimo e que hai que defendelo, pero non pode ser o único. O resto dos distintivos culturais e identitarios deste país, esperamos por parte da Administración un pouco máis de apoio. Non somos uns pedichóns coma se nos fai ver. Parte dos nosos impostos ten que reverter en cultura. Tan pouco extraordinario é o que se nos achega económicamente á cultura, que os libros que se publican con axuda institucional de Galaxia non chegan ao 4%. O 4%! Estamos publicando unha novidade cada 3 días do ano.
Quero chegar a un momento no que sexa real o que escoitamos durante o período de campaña electoral. Absolutamente todos os partidos nos falan da importancia da cultura, da lectura… pois iso hai que traducilo en políticas concretas. Porque o que non pode ser é que, ano tras ano, o Consello da Cultura e a RAG, constaten que perdemos falantes. Esa é a maior traxedia que ten este país. Ter unha industria téxtil poderosa é moi importante, ter un sector automobilístico forte, por suposto que tamén. Praias, mariscos… pero iso téñeno, e poden telo, outros países. Mais só hai unha cousa que nos fai galegxs: o idioma. Perder o noso sinal de identidade, máxime nun contexto de globalización, é perdernos de todo.
Grazas, Fran. Tamén por esta conversa.
Aloia Alonso
Trackbacks / Pingbacks