Olivia Meijide naceu en Vigo o 10 de outubro de 1997. Aos seus 23 anos é profesional da comunicación dixital, activista trans e participante de diversas organizacións como Avante ou Nós Mesmas.
A poucos días do Día Internacional da Muller, achegámonos á súa óptica nun contexto marcado polo debate xerado arredor da Lei Trans.
Olivia, achégase o 8M. Aproveito para preguntarche polo, lamentablemente, tan de actualidade movemento TERF (Feministas Radicais Trans-Excluíntes). Hai un problema coas mulleres trans que fomentan, curiosamente, outras mulleres que se din feministas. Este sector do activismo ten un problema co que entende como «algo invasivo». No caso dos homes trans, existe ese problema?
Os homes séntense invadidos no seu espazo de vindicación?
Penso que non. O feminismo das TERF vai directo a atacar ás mulleres trans, en concreto. Que, se cadra nalgún momento atacan tamén aos homes cis gais ou así? Pode ser, pero non creo que vaia na mesma liña. Penso que se “especializan” máis en atacar ás mulleres trans.
Os cis gai, por exemplo, teñen algún problema cos homes trans?
En principio non. Ruído con iso, polo menos, non están facendo. Non hai un movemento antitrans, como tal.
O curioso é que o feminismo é un movemento que ten que protexernos a todas e que está segregando por cuestións completamente arbitrarias
Isto que está ocorrendo agora lémbrame moitísimo a movementos anteriores. Por exemplo, cando as mulleres pedían dereitos coma o voto, o acceso a postos de traballo, etc. os homes sentíanse atacados e o discurso era que lle queriamos quitar dereitos a eles, cando realmente o que se pedía era ter os mesmos dereitos ca eles. Cando as persoas racializadas pedían dereitos, as persoas brancas esgrimiamos o mesmo discurso. Está pasando o mesmo coas mulleres trans e as TERF.
Son procesos de ruptura. O opresor ou a franxa social que está por enriba, acojónase. O terrible é que, a unha militancia que se lle presupón bandeira das oprimidas, matice “ah, pero depende de que oprimidas”.
A liña argumental desta xente baséase moito no principio de nacemento: “Coma nós nacemos marcadas como mulleres, o noso sufrimento foi maior.»
Que lle dirías ti a unha persoa que che diga que naceches con maiores “beneficios”?
Dende que nacemos asígnasenos un xénero. Suponse que ás persoas que son socializadas como homes van sufrir menos violencias, pero é que, precisamente, o feito de socializalos como homes é un problema en sí. Un problema moi grave. O propio feito de que as persoas esteamos asignadas a un xénero dende que nacemos é violento.
E a ruptura con esa impostura de socialización é terrible.
Outra cousa alucinante é o discurso que sostén a liberación dos estigmas estéticos das mulleres: tacóns, maquillaxes, etc. Pero, se unha muller trans non cumpre cos estereotipos femininos “non é o suficientemente muller”. Penso que é a cousa máis hipócrita que vin na miña vida. Xa partindo da base de que, en teoría, levamos toda a vida traballando por romper cos encorsetamentos estéticos e, resulta que, agora, imposme a min uns patróns estéticos que definen a miña condición de muller.
Todo o barullo que se está xerando arredor do borrador da Lei Trans…
O proxecto da Lei Trans danos a nós os dereitos que non temos. Non llos quita a ninguén. Non concibo como non se entende isto e o xogo da tersiverxación.
De feito, paréceme… Mira, esta lei aínda non existe, só está o proxecto a nivel estatal, pero hai Comunidades Autónomas que si teñen unha Lei Autonómica de protección a persoas trans como en Andalucía e outras 7 CCAA. Lamentablemente aínda non en Galiza pero a cuestión é: se existe a nivel autonómico, por que esa alarma a nivel estatal?
No contexto lexislativo, a min pásame algo e non estou cuberta. Tampouco podemos esquecer que hai menores trans, que sofren moitísimo. Máis aínda se o contorno familiar os desprotexe ou os agrede. Ese tipo de casos hai que intervilos, ben dende o colexio, dende os propios colectivos… Hai que facer un traballo de acompañamento e mediación coas familias porque o que ten que predominar é o interese e benestar do e da menor. Non lle podes dicir “aguanta ata os 18”. Para este tipo de casos opera tamén a Lei Trans.

O movemento trans aínda está moi vinculado aos movementos de base, aos dereitos humanos, á esquerda… ou tamén flúe e vaga pola dereita?
Penso que seguimos moi apegadas a ideoloxías próximas á defensa dos dereitos humanos. Os discursos de odio contra o colectivo trans, non deixan de ser discursos de odio contra os dereitos humanos, discursos de clase, etc.
Paréceme moi interesante que os identifiques como discursos de clase. Non sei cales son as estatísticas pero os índices de pobreza, adiccións, etc. entre as persoas trans son altísimos, verdade?
Si, os datos son demoledores. E non hai unha mellora. As cifras a nivel global (porcentaxe de taxa de paro entre persoas trans) son máis altas que o ano pasado. En 2019 etabamos no 80% e xa estamos no 85%. Así mesmo, as cifras de asasinatos a trans tamén aumentaron. Pero é que isto está moi visto: en contextos de crise económica e social son os sectores marxinalizados os que máis sofren.
Ti para estudar ou iniciarte no mundo laboral percibiches discriminación?
A ver, con iso convives a diario. Coñezo a moitas persoas que están buscando traballo dende hai moitísimo tempo, coa súa formación, e non hai maneira. Hainas incluso que non puideron nin chegar a incorporarse ao mundo laboral e, dende logo, ten moito que ver que sexan trans. Ninguén vai explicitarche que non te contrata por iso, pero sabes que non es a primeira opción para o ou a contratante.
Que pasos son os que habería que dar para comezar a atallar esta situación?
Primeiro hai que normalizar e visibilizar as realidades, porque son moitas realidades; non todo o mundo sae do mesmo molde. Isto é un pouco o que se pretende coa Lei Trans.
A normalización axuda a que nos diferentes ámbitos (o educativo, o laboral, etc) non se nos vexa como algo anómalo ou mesmo perigoso.
Outra medida que me parece súper importante é facer programas que vaian adicados de forma específica á mellora da situación de persoas trans que non teñen traballo xa que, a grande maioría non o atopamos. Penso que sería necesario un programa de inmersión laboral en espazos seguros. Unha rede de espazos no que esteamos protexidas para nos desenvolver laboralmente.
O problema é que na túa vida, máis alá da rede de apoio, (falo de ir facer unha xestión a un banco, ir tomar algo, ir ao supermercado) podes atoparte con situacións que son todo o contrario a un espazo seguro.
Cando falamos deste tipo de espazos, hai cousas que quedan no aire. Parece que se reducen ao propio colectivo. Fáltanos moito por traballar neste campo.
E no tocante ao factor médico?
Por suposto. Non existen tratamentos específicos, iso para empezar.
Ademais de que para que me cambien unha letra no documento de identidade teño que pasar por dous anos de tratamento hormonal e psicolóxico. Por se non estou segura, supoño. Pois isto é unha salvaxada xa que, non se pode pedir como requisito para que me recoñezan a identidade ter que someterme a segundo que tipo de cambios físicos. Paréceme unha puñetera barbaridade.
A identidade é unha cousa e a túa saúde é outra. Isto é un atentado contra o teu corpo, literalmente.
Agora xa non, pero antes tiñas que acreditar un informe psiquiátrico conforme estabas en plenas facultades mentais para “decidir” cambiar de sexo.
Ata hai relativamente pouco, os psicólogos facíanche un test con pregunas como “gústache xogar con bonecas ou cun balón?”.

Paréceme terrible…
O problema é que o modelo social néganos (a todas a persoas en xeral) como seres.
No noso caso é volver unha e outra vez ao discurso que di que para ser “X” tes que ter un corpo “I”. É un círculo vizoso. Parece que se precisa discernir que é unha muller e que é un home, pero dunha maneira visual e visible, ademais.
Cada persoa é unha individualidade polo que pode adscribirse a un xénero e ter o corpo que mellor lle pareza. Aquí poderiamos entrar a revisar que é xénero e por que interesa a clasificación, pero da para unha entrevista á parte -sorrí-.
Hai un discurso de teórica normalización que o único que consegue é a invalidación e a invisibilización da realidade. La parte por el todo: como xa temos “avances” como poder manifestar abertamente a nosa identidade sen que nos leven presas, xa o temos todo. E así é como se continúa demonizando a reclamación de dereitos.
Pensas que se a lexislación, que é laxa en segundo que tipo de maltratos e delitos, fose máis severa para condenar agresións tránsfobas, habería unha mellora notable?
Penso que si. Se non castigas a unha persoa porque comete certos delitos como os discursos de odio, sentas un precedente moi perigoso. Tanto quen manifesta discursos de odio como quen os escoita, acaban concluíndo que non é, nin sequera, relevante. Hai unha impunidade incomprensible.
As formas de agresión tamén cambiaron, non?
Si. As RRSS son un niño de acoso. Alucinarías coa cantidade de perfís que se adican a buscar persoas trans para rebentarlles os perfís.
De todas maneiras, a miña percepción persoal é que algo diminuíu, pero se cadra é porque eu recibo menos agresións. Tamén vexo que a outras persoas lles segue pasando. Entón, non sei se vai a máis ou, polo contrario, merma. Existir, seguen existindo, dende logo.
Despois hai outra cousa e é que denunciar estas cousas non é doado. Para que nos recoñezan o acoso, é complicado.

É posible reafirmarse como muller sen esa imaxe da que falamos (pelo longo, curvas…)?
Buf… isto depende moito de cada unha, pero penso que, por condena social, aínda non chegamos a conseguir transmitir ser muller sen ser o estereotipo de muller.
Compáraste constantemente coa imaxe simplificada e estereotipada de muller cis. Levántaste e pensas “non teño peitos como o resto de mulleres, non teño vulva como o resto de mulleres”… acabas desenvolvendo algo parecido ao síndrome da impostora. Non es o suficientemente muller. Non chegas a aceptarte a ti mesma. E o contorno non favorece outra cousa.
De feito, hai un índice moi alto de suicidios, e tamén de persoas que desenvolven condutas autolesivas, dependencias… estas cifras non saen tanto ao público pero son moi altas e dorosas.
Danse todo tipo de trastornos, TCA, TLP, depresión,… para que despois se sosteña que unha muller trans ten “máis beneficios” por ter sido socializada como home. É que de verdade!
Aloia Alonso