A community manager de Rei Zentolo, Raquel Lemos, ponme en contacto cun profesional do audiovisual que vive nos Estados Unidos.
Co seu optimismo e a súa ilusión habituais, dime a CM: É un puntazo! Podes entrevistalo sobre as eleccións do mércores -era luns…-.
O que pasou despois foi que apareceu, sen querelo, unha entrevista de contraste que é do máis interesante que temos feito.
A miña ex compañeira de residencia universitaria, a brutal, incombustible e xenial Cora Pérez, foi abordada por min (desta vez sen licor café) para unha entrevista express que, xunto con Israel Nava, conforma un dos proxectos máis internacionais ao que nos achegamos.
De antemán, o noso agradecemento a ambos.
Israel Nava
Como aterras ti nos EEUU?
Pois… no 2008 ou por aí vin un banner destes que pon “queres traballar nos EEUU? Clica aquí”. E entereime de que hai unha visa que é como o “tope de gama” de visa de inmigrantes e hai un sorteo todos os anos. Daquela eran como 50000 ao ano, unha cousa así. Ti enviabas o teu nome, creo lembrar que unha foto, e participabas nun sorteo no que, a preselección era aleatoria (isto non quere dicir que che deran o visado). Presentábase moitísima xente. Tiñas que ser unha persoa cualificada.
Eu fíxeno a través dunha empresa (daquela non sabía que se podía facer gratis) e fun cliente deles como catro ou cinco anos.
Estudei Realización na Escola de Imaxe e Son en Someso (A Coruña) e saín en 1999 coun traballo en Madrid de posprodución de pelis. Despóis voltei a Coruña e traballei cunha productora que se chama Adivina Producciones. Con eles fixen dende docus a spots publicitarios. Un tempo despois decidín facerme freelance, fíxenme autónomo.
Finalmente en abril de 2011 chegoume unha carta na que me dicían que fora preseleccionado para adquirir unha Green Card.
Unha Green Card?
A Green Card é unha tarxeta renovable cada 10 anos e con ela podes traballar para calquera, podes moverte libremente, etc. coa condición de estar 6 meses no país. Dentro dos visados de traballo e de residencia para extranxeiros é o mellor. Ademáis dache a opción de optar á cidadanía.
Fixen unha entrevista na embaixada en Madrid no mes de Novembro e conseguín o permiso para marchar. A partir daí, armeime de aforros (vendín o meu coche, por exemplo) e marchei para Nova Iorque.

Ata certo punto é moi galego ese tipo de emigración. Hai certos paralelismos entre a cultura do esforzo ianqui e a nosa, non?
Aquí teño a sensación de que me valoran máis. Moita da xente que ven di o mesmo. En Nova Iorque teñen que darlle oportunidades a xente que non coñecen de nada con moita máis frecuencia, non opera tanto o amiguismo ou os circuítos pechados.
-Saca un libro- Isto é unha xoia que fala exactamente disto, dos galegos – o libro é un arquivo fotográfico chamado Los Inmigrantes Invisibles.- Os galegos integrámonos moi ben. Por iso nos aceptan tanto.
Agora estás en Connecticut, verdade?
Si. Cando decidimos ser pais dímonos conta de que en Nova Iorque era inviable tanto por prezo como por tranquilidade. Mercamos aquí unha casa.
USA é un descontrol, segundo as novas que me chegan
A cobertura que se dá no Estado español de Estados Unidos, para min non é boa. Penso que non reflicte realmente o que ocorre. É unha cobertura moi sesgada. Parece que para o resto do mundo Estados Unidos é soamente Donald Trump. Só contan as chorradas que di, pero non se fala do positivo, como que tivemos pleno emprego, unha economía realmente boa, axudas a minorías…
Póñoche un exemplo: Agora mesmo hai un escándalo enorme cun ordenador que deixou o fillo de Biden para reparar nunha tenda no que había documentos sobre como el e o seu pai facían negocios con China cando el era Vicepresidente, e os medios estano ignorando! E non só iso. Bloqueouse a conta de Twitter do periódico que o deu a coñecer, o New York Post, un dos periódicos con máis tradición e solera dos Estados Unidos. Hai un encubrimento desa historia que da medo e non o vexo reflectido na información española. Entendo que Trump da moito xogo, pero o votante de Trump non é necesariamente un trastornado que pega tiros.
A Trump adorábano os medios ata que se presentou a presidente. Agora danlle por perdidas unhas eleccións sen moito fundamento, na miña opinión. Isto xa o vimos con Hilary no 2016. Colleunos de sorpresa a victoria de Trump porque se nos bombardeaba coa información contraria.
Cres que renovará mandato?
A min, persoalmente, extrañaríame moitísimo que non saíse reelixido. Eu vivo nunha zona maioritariamente demócrata e aínda así, teño a sensación de que gañará el. Tivo 4 anos para probar o que fixo. A economía foi ben e a xente viuno. Non entrou en conflicto bélico e foi o primeiro en máis de 40 anos, traballou por traer ás tropas de volta… esas cousas chéganlle ao norteamericano medio e valóranse moito.
É un tipo… peculiar
O tipo non é un político ao uso, é un showman. E á xente nese momento pareceulle atractivo iso.
Non che xera confianza Biden?
Pois… de Biden dise que ten alzheimer. Non é a primeira vez que fai declaracións públicas dicindo que se presenta ao Senado… en lugar de dicir que se presenta a presidente…
Hai unha teoría que di que o escolleron para que a muller que vai de número 2 e que sería vicepresidenta, chegue a presidenta cando el teña que renunciar por motivos de saúde. As persoas levamos tempo atando cabos e algo non sona ben da candidatura de Biden.
Cal é a túa aposta?
A miña é que gañará Trump e, sinceramente, tamén o espero. As enquisas están de parte dos demócratas, pero eu creo que o entusiasmo está de parte de Trump, pero a ver que pasa.…
O reconto de mañá, se é moi escaso… É un sistema moi complexo de reconto e votación.
Pode tardar meses. Pode darse unha situación coma a de Bush contra Al Gore no ano 2000.
Dende fora está tan asociado o republicanismo estadounidense co estereotipo dos ricos do petróleo que me sorprende
Os roles están cambiando.
Tradicionalmente os republicanos asociáronse co diñeiro, porén agora, Hollywood ou Silicon Valley, grandes millonarios, son voto demócrata e, sen embargo, tes a moitísima xente traballadora votando aos republicanos. Incluso apoiándoos económicamente. Iso é por algo.
Ti votaches?
Estas son as primeiras eleccións nas que puiden votar porque me convertín en cidadán americano no 2018. É interesante. Teríame encantado votar nun colexio, pero a causa da pandemia, votei por correo. Teríame gustado ter a miña pegatina -e rise francamente, coma un pequeno que quere o seu agasallo.-
Cando vou pechar a entrevista dime:
Gustaríame que me permitises facer unha mención a unha persoa que me axudou moito: Joaquín Asencio, productor de cine. Cando soubo que viña a Nova Iorque , diume un par de nomes para que contactara por si tiñan traballo para min. Un deses contactos convertiuse no meu primeiro cliente durante anos e axudoume a asentarme laboralmente. É un perfecto exemplo de cómo axudar a progresar a outros pode ser tan sinxelo como darche un nome e un email. Iso contáxiase. Os galegos aquí tendemos a axudarnos moito os uns aos outros.
Cora Pérez
Cora Pérez Fernández é unha directora creativa que actualmente está traballando en The Community Miami.
Nada no Carballiño, Ourense, a súa carreira fóra comezou en 2011 en Buenos Aires. Despois diso, continuou evolucionando como directora de arte e creativa trabajando en distintas axencias en distintos países: Ogilvy Buenos Aires, Del Campo Saatchi & Saatchi Madrid e, agora, The Community Miami.
Traballou para marcas como Toyota, Mama Luchetti, HBO, Endesa, Corona, Fios e PETA, tendo recoñecemento dos seus traballos en importantes festivais de publicidade, sendo elixida en dúas ocasións como representante da Arxentina nos Cannes Young Lions, o certame para creativos junior máis importante do mundo -algo así como os Oscar da publicidade-

Cora, como chegas ti aí?
Cando rematei a carreira funme a facer un curso de Creatividade Publicitaria á Arxentina e aí comecei a traballar. Estiven catro anos traballando alí e despois funme para Madrid, a outra axencia que se chama Saatchi & Saatchi. Esta axencia pertence a un grupo de axencias publicitarias que se chama Publicies Group. Os que eran os meus xefes houbo un momento que decidiron renunciar aos seus cargos e comentáronme que tiñan un amigo nunha axencia en Miami que estaba buscando xente para que se incorporase con eles. Preguntoume “interésache que te recomende” – sáelle o acento porteño- E díxenlle, “si” -di sen dubidar-. Esta axencia miameña pertence a este grupo que che comentaba entón fixéronme unha visa de traballo de intercambio na empresa que, máis ou menos, é doado. Levo 4 anos aquí e estou no proceso legal de solicitar unha Green Card.
Entendo que non foi nin sorte nin casualidade o que te levou a EEUU
Non. O meu foi un proceso de avogados, de currículo… eu traballo para o mercado hispano, pero aínda así, non foi sorte, dende logo. Foi traballo.
Como ves o que ocorre coas eleccións?
Na miña opinión está moi reñido, dividido. Eu claramente teño unha visión máis demócrata porque, se ben non me encanta Biden, estou moito máis dacordo co seu pensamento. Trump paréceme un tolo, pero hai moita xente que non pensa coma min. Penso que en todas as cidades grandes nas que hai persoas “instruídas”, hai unha ampla maioría que secunda a ideoloxía demócrata. O que ocorre é que, ademáis das grandes cidades, Estados Unidos é xigantesco e hai moitísima xente que se agarra ao discurso populista e segregador dos republicanos. Lamentablemente, é un número moi importante de xente.
Eu non podo votar, aínda, pero de verdade que desexo que gañe Biden.

Ti que opinas do rumor sobre o alzheimer de Biden?
Os republicanos son moi amigos da teoría da conspiración. Para eles o coronavirus non existe, daste conta? Un invento dos demócratas para desestabilizar a economía, din. De feito, se vas pola rúa, sabes perfectamente quen é republicano e quen é demócrata porque os primeiros non usan mascarilla e os outros si. É así de doado.
O que me da medo é, que gañe quen gañe, a outra metade vai estar descontenta. Xogouse moito coa polarización e o discurso incendiario e estamos nun país no que as armas son legáis e a xente é violenta.
Non sei se, se gaña Biden, as Karens e os Kevins deste país (dio en alusión ao incidente de St. Louis no que unha parella armada “defendía” a súa propiedade durante unha manifestación do movemento Black Lives Matter este verán) sairán á rúa de maneira agresiva. Xérame un pouco de inquedanza a resposta dese sector da poboación. De feito Trump leva tempo ameazando con que recorrerá os resultados se non lle son favorables. Non é moi bo punto de partida…
É o perfil de red neck?
Non, esa parella tiña unha mansión. Porque tamén hai moita xente con estudos, moitos cartos e boa posición que vota a Trump, non quero simplificar. Entre outras cousas porque Biden vai subir os impostos para as grandes fortunas. De feito, o outro día saía no periódico que Fifty Cent, o rapeiro (cincuenta centavos en galego) defendía o seu voto a Trump precisamente porque él non quere ser «vinte centavos».
É a gran baza contra os demócratas?
Ou o grande acerto dos demócratas. Hai moita xente pobre nos EEUU e os demócratas queren pagar a sanidade, entre outras cousas. Ti non sabes o que é enfermar neste país.
Non…
Eu tiven unha infección nunha moa e, tendo seguro como teño, que pago mes a mes, tiven que pagar 2000$ por unha extracción e unha reconstrucción. 2000$ con seguro por quitar unha moa! Sabes o que é iso?
A un compañeiro de traballo, 16000$ por romper un cóbado…. e agora, segue imaxinando problemas e sumando cartos.
Unha das cousas máis importantes para min que defende Biden é a sanidade. Que as persoas que non teñen cartos, poidan romper un brazo e llo arranxen.
Que en EEUU non te van deixar morrer, non me entendas mal. Ti tes un accidente de tráfico e a vida sálvancha, iso seguro. Agora ben, se quedas sen unha perna, quedas sen ela. O tratamento, non cho dan.
Entendo que haxa persoas que queiran votar a Trump, o cal non quita que crea que son uns terribles egoístas.
Extrapolámolo ao caso español?
Aí, dende logo, tamén hai cousas do que está ocorrendo que non entendo. Na miña opinión hai unha… vou chamarlle “moda” mundial que roza o nazismo. Unha revisión do nazismo, vamos chamarlle así.
Aquí o movemento de Black Lives Matter está tendo moitísima forza. Máis alá da brutalidade policial para cos afroamericanos e hispanos, digan o que digan os negacionistas do racismo. Porque, dígoche que está moi lonxe de estar normalizada a situación das persoas afroamericanas, e dígocho con coñecemento de causa como muller branca. Pero independentemente disto, falamos a outro nivel, a nivel xurídico, a nivel económico e a nivel interpersoal.
Que as protestas están xerando destrozos e tensión? Si. Agora, que as protestas non van parar (e paréceme lóxico) ata que se consiga un cambio sistemático. Nos Estados Unidos hai racismo sistémico: aos afroamericanos cústalles máis acceder a unha hipoteca para mercar unha casa, acceder á universidade… é un problema radical que require unha solución lexislada.

Cal é a túa aposta?
Non me atrevo a dar un gañador.
Isto vai levar un tempo porque está todo moi axustado. Tamén porque, froito da pandemia, houbo un volume inmenso de voto por correo. O meu compañeiro, que é norteamericano, tampouco sabe darme unha data. Sexa como sexa, esperemos que gañe o sentido común.
Se gaña Trump, non sei se quedarei neste país moito máis tempo.
Aloia Alonso