Somos conscientes de que imos abrir un melón complicado. Complicado porque a propia definición de cultura é un debate en sí mesmo e, complicado, porque existe certa susceptibilidade arredor do cuestionamento do sistema cultural. Pero neste blogue viñemos precisamente a romper melóns e outras cucurbitáceas -sabiades que o melón é da mesma familia que o cogombro? En fin, outro día pómonos coa botánica…- así que, imos aló!

O sistema cultural a debate

Existe unha crenza xeralizada sobre a idea de artista que o define coma un ser frívolo, distante e adiñeirado que adica os seus ociosos días á vida contemplativa e ao intercambio de ideas con musas, dando como resultado a creación artística. Ben, esta idea -máis xeralizada do que se poida crer- ten a súa orixe no século XVIII cando se acuña o termo de belas artes e se inicia o proceso de catalogación e taxación da arte renacentista.

As belas artes eran, orixinalmente, seis: escultura, pintura, arquitectura, literatura, música e danza. Máis tarde, e moi a regañadentes, engadíronse o cinema, a fotografía e a banda deseñada.

En sociedades como a galega o termo artista ten connotacións pexorativas: ese é un artista; a onde vas, artista? e outros usos na linguaxe reflicten esa estereotipación da que falamos, pola cal a persoa adicada á arte non se adapta á sociedade de esforzo traballo e sufrimento na que vive. Isto non se produce porque a nosa sexa unha comunidade especialmente inculta, senón por cuestións que teñen que ver coa economía e o reparto da riqueza. Tamén inflúe o uso ideolóxico que se ten feito do termo cultura, segundo o cal as manifestacións artísticas se converten nunha arma para a devaluación, por exemplo, do que se coñece como modelo económico proteccionista.

No caso concreto de Galicia, ademais, a cultura provoca un infrutífero debate entre folclore, lingua e tradición versus manifestacións artísticas “importadas”. Debate a todas luces esquizofrénico xa que non achega máis que crispación. Neste sentido, expresións como “a xente non entende” son o mellor exemplo -tanto ten dende que beira se empreguen- de que o propio sector cultural contribúe a desvincularse da sociedade e iso, queridas e queridos artistas, non é culpa da economía, nin da televisión nin das administracións.

A cultura en tempos de pandemia

Longo se ten falado nestes meses sobre a crise cultural do covid, mais cremos que é, cando menos incompleto, culpabilizar ao cambio de paradigma destas horas baixas que poidan estar sufrindo o teatro ou a literatura, entre outras.

A cultura non está necesariamente en crise neste momento. Quizáis sexa máis axeitado dicir que a cultura tradicional, a cultura das belas artes, está permanentemente en crise porque as súas estruturas son moi fráxiles. De aí que cando se produce un cataclismo mundial, os seus mecanismos de adaptación afrouxan e mesmo rachan. 

Todos os hábitos cambian durante as crises, se ben xorden outras formas de consumo cultural, novas formas de cultura e novos tecidos de relación coa arte. Por iso cremos que é inxusto falar de crise cultural de forma xeralizada.

Certo é tamén que as posibilidades de adaptación de plataformas xigantes anulan a libre competencia doutras máis pequenas, pero isto chámase concentración do capital e é preferible que o deixemos para o día que falemos dos cogombros.

Un non rotundo á cultura da queixa

É posible que sexa o momento de superar o concepto clásico de cultura e arte? Pois, se cadra, si. Se cadra estamos facendo un contido que xa non interesa nese formato, por moi chulo que nos pareza ao velo. Do mesmo xeito que asumimos que as ombreiras estiveron ben no seu momento, pero que poloquemáisqueiras non mas volvas poñer diante, quizais teñamos que afacernos a que ler en papel, por exemplo, xa non achega o que achegaba antes. Que xa non é nin vintage. Que non ten o encanto de escoitar un temazo de Juan Pardo na verbena. Vaia, que non apetece e que o medio ambiente o vai agradecer.

Nós, por exemplo, estamos convencidos de que en Rei Zentolo facemos arte. Polos deseños, si, pero tamén é arte a da programadora da nosa páxina, a do equipo de redes, a das tendeiras da tenda de Allariz 😉

Non nos deixemos vencer polos cambios que tanto nos asustan. Miremos xuntxs cara adiante para seguir construíndo novas formas de desfrute. Novas canles de expresión. fagamos da mala conxuntura a nova vangarda!

Por exemplo a ti, que che apetece ver, escoitar, facer ou ler nestes momentos? E, sobre todo, como cres que podemos achegarcho mantendo todas as medidas que nos protexen do contaxio?

Fainos a túa proposta e prometemos traballar arreo para conseguir que poidamos volver desfrutar da cultura.

Gustouche?

0 / 5. 0