Empregando o recurso dos monólogos humorísticos… non tedes a sensación de que a responsabilidade do funcionamento do mundo depende de vós?
Unha sensación como de Batman de Aliexpress: non temos ningún súper poder pero tampouco cartos.
Con motivo da Cume do Clima ocorríasenos a seguinte reflexión:
Ou sexa, a ver se nos queda claro porque moi listas non somos pero aquí hai algo que nos custa encaixar…
Ti, Carlos de Inglaterra, ou [insírase aquí o nome de calquera líder random da súper reunión esta], estasme contando que chegastes a unhas conclusións boísimas sobre como temos que proceder as e os cidadáns do planeta para mermar a emisión de gases tóxicos, tendo aparcado en batería o teu jet privado con outros 399? Carlos… Carliños corazón, estás de broma, non?
Porque, a ver, se estás en serio, tes que darte conta de que hai un tope de trolas que se poden contar e, no teu caso, cubriches cupo co da Xefatura de Estado por gracia divina.
Aínda así, o máis preocupante disto non é a hipocresía.
A socialización da responsabilidade
Retomando a analoxía co Cabaleiro Escuro, hai un discurso que escoitamos con cada vez máis frecuencia: a responsabilidade da cidadanía.
Coidado con isto.

É evidente que na nosa man está contribuir a minimizar impactos na ecoloxía ou a saúde, pero reparemos nalgo:
- Crise económica de 2008:
Gastamos por enriba das nosas posibilidades. A causa da recesión económica e a burbulla inmobiliaria resultaba da insensatez de cidadás e cidadáns que pedían créditos a mansalva mentres a banca, miña pobre, que ía facer senon concedelos? Así despois houbo que entrar a “rescatalos” a custo cero e devolución inexistente. Foron as vítimas da nosa avaricia.
- Alcolismo e tabaquismo:
O Estado español é o segundo país da UE con maior índice de consumo de alcol diario en maiores de 15 anos. Isto ten que ver con que, na Península temos un vicio negro, non co negocio que o propio Estado fai coa distribución e venda de bebidas alcólicas e tabaco nin coa falta de medidas de prevención dun ocio tóxico e alienante.
- Desmantelamento da Sanidade Pública:
Andamos indo ao médico de cabeceira cada vez que queremos charleta e así non pode ser. Saturamos a atención primaria e os servizos de urxencias utilizando as salas de espera como salóns de manicura e, carai, que non están para iso! Así cando houbo unha crise sanitaria mundial como foi a pandemia, quedou sobradamente demostrado que o sistema sanitario funcionaba chachi.
- A reforma laboral e o despido libre:
Polo noso ben, porque nos acomodamos cunha renda de inclusión social (RISGA) de 500€. Quen non ía querer vivir a todo trapo dun RISGA?
- A crise ecolóxica:
Houbo que poñernos un sistema de tramos horarios para que aprendésemos a usar con responsabilidade a enerxía que, se por nós fose, iamos a lavadora por braga.
O mesmo nos pasa coa gravame da circulación por autoestrada, que perdemos o tino viaxe a Ribadeo para arriba, visita a Salvaterra para abaixo.
A normalización da miseria
Algunha persoa pérfida e/ou que tivese lido A doutrina do Shock de Naomi Klein, podería chegar a pensar que este “reparto de responsabilidades” no que acabamos asumindo a culpa e, polo tanto, a necesidade de “tutela” é algo orquestrado e perfectamente estudado.
Alguén podería chegar a crer que, impresionarnos con discursos prácticamente bélicos nos que somos soldados, ten que ver con lubricar medidas salvaxes de empobrecemento da poboación.
Algún conspiranoico ou conspiranoica, podería pensar que a concentración do capital é unha realidade, que non existe a clase media e que o prezo dos alugueiros, o prezo dos bens básicos como a electricidade e a alimentación ou a obsolescencia programada nos convirten en escravas e escravos modernos.
Menos mal que nós non somos desa xente mala que pensa cousas raras…
A.Alonso