O que define a un pobo é seren un conxunto de persoas que comparte unha serie de características de seu como a lingua, a tradición e a cultura. A mitoloxía forma parte fundamental desa tradición ou cultura definitoria e é un elemento cohesionador importantísimo para a construcción dunha identidade.

Eses conxuntos de mitos, acompañan ás sociedades dende a aparición dos primeiros sistemas de comunicación complexos e tenden a funcionar como argumentario para explicar todos aqueles fenómenos que o ser humano non era quen de procesar cognitivamente. Deste xeito, as mitoloxías teñen certo carácter relixioso, pero non só: deuses, heroes ou antiheroes, ateigan as tradicións orais de todas as sociedades na procura de explicacións filosóficas da existencia das persoas pero tamén como resposta aos fenómenos naturais de toda orde. O enorme simbolismo dos mitos está ineludiblemente vinculado ás particularidades de cada contorno, do mesmo xeito que se foi nutrindo dos progresivos intercambios culturais que a presenza dos sucesivos poboadores foi aportando. No caso de Galiza, podemos falar dunha herdanza claramente castrexa (non celta) que se materializa no folclore actual: a Santa Compaña, por exemplo, evoluciona dende o antigo Panteón Castrexo que recoñecía aos “Deuses do Camiño”, deidades que recollían as ánimas dos mortos nas encrucilladas para guialos na viaxe ao más alá. 

Outras lendas da mitoloxía teñen unha orixe máis difusa, como por exemplo a figura das Mouras, moi afincada na tradición oral. As mouras galegas son espíritos de doncelas que habitan as fontes, os pozos ou os ríos e ás que é perigoso espertar. Neste caso, non está claro se a orixe ten que ver coa presenza bérber na rexión (en cuxo caso o termo procedería do latín maurus, habitante da Mauritania) ou, se polo contrario é de acuñación celta (do termo mori, que significa mar) ou mesmo precelta (marwo, palabra que significa morto).

A nosa paixón pola cosmogonía galega levounos a ir afondando nela dende distintos puntos de vista, un dos cales non podía ser outro que o do deseño. Dímonos conta do enorme potencial das figuras míticas galegas para a novela gráfica, xa que gardan moitas semellanzas co concepto de superheroe que popularizou DC Comics na Idade de Ouro dos comic-books (1938-1956) pero que se remonta, como pouco, á literatura do século XIV con personaxes coma o popular Robin Hood.

No noso imaxinario existen numerosas figuras que ben poderían conformar un universo tan rico coma o da Marvel, se non mellor, e así quixemos expresalo coa Colección Mitos Galegos na que recollemos catro importantes seres da nosa mitoloxía cos seus poderes e características.

Os superheroes galegos

O LOBERNO é unha criatura salvaxe e terrorífica que habita os montes galegos.

Descríbese coma un ser híbrido entre raposo e lobo, coa pel vermella e as orellas puntiagudas.

Ataca aos animais domésticos para zugarlles o sangue e adoita pulular polos cemiterios desenterrando cadáveres que despois devora.

A súa presenza atemoriza tanto que a xente prefire deixalo comer libremente antes que enfrontarse con el, xa que de nada serve intentar asustalo porque o Loberno é xordo e non lle teme ao perigo. Non fuxe nunca de ninguén.

Localízase nos espazos montesíos de Galiza tendo o tobo orixinal, o Furado do Loberno, en San Andrés de Teixido.

NEGRUMANTE é un mago feiticeiro, bruxo, astrólogo e adiviño que exerce a nigromancia ou arte de facer maleficios e invocar ao demo mediante técnicas extrañas.

O Negrumante tamén é un xenio das tempestades, capaz de dominar os elementos e os fenómenos meteorolóxicos.

Co seu poder é quen de invocar aos defuntos, facer que se ergan dos seus sepulcros e, a través deles, ver o futuro.

O Negrumante é tamén temido pola fealdade que pode chegar a adoptar o seu rostro.

Pertence aos espíritos que viven nos antros: feiticeiros inimigos das mulleres e homes que habitan o mundo dos vivos.

A NUBEIRA é un ser sobrenatural con poderes máxicos que adopta forma de muller.

Non existe unha descripción clara da Nubeira, podendo esta adoptar distintos aspectos. Ás veces descríbese coma unha muller de pel escura, outras de pel clara e cabelo loiro. Se ben tamén hai testemuños que a describen coma un ser monstruoso. Adobíase con chapeu e os seus vestidos están feitos con pelicas e, ás veces, armadura.

Este espírito do ar é a encargada de formar as tormentas, os ventos, as chuvias e as treboadas e só se pode loitar contra ela cun esconxuro de toque de campás que poucos coñecen.

Dise que a Nubeira é un anxo malo que quedou no aire e as nubes cando os anxos rebeldes foron expulsados ao Inferno.

Segundo a crenza tradicional, o TRONANTE é o ser que produce os tronos golpeando as nubes cos seus pés. Temén se encarga de crear o pedrazo, o lóstrego e a sarabia.

Non ten unha única forma: ás veces descríbeno coma feo e monstruoso; outras, como alto e guapo. En ocasións leva un mandila coma os becerreiros, pero tamén pode aparecerse coa forma de corvos negros e grandes.

O Tronante relaciónase coa Nubeira, pois tamén viaxa sobre as nubes e tenas baixo o seu control.

Sente medo das campás, dos cans ladrando e dos rezos das persoas.

Xa vedes que, coma diciamos, os seres míticos galegos dan para a súa propia saga de historias gráficas e recollen con grande precisión a nosa idiosincrasia nas lendas que arredor deles e delas se artellan.

Esperamos que desfrutedes destas personaxes tanto como o facemos nós e que nos acheguen un pouco máis a unha tradición cultural de noso que, ás veces, damos en substituír por outras foráneas deixándonos levar polo encandilamento do cine e a capacidade comercial.

Gustouche?

5 / 5. 2