Van xa tres semanas dende o peche da hostelaría en 60 municipios de Galiza. Pode que estemos freando os contaxios, mais estamos en risco de morrer de noxo.

Os bares en Galiza

Existen moitos factores que converten aos bares en Galiza nun eixo arredor do que pivota unha parte da nosa idiosincrasia. Isto non é necesariamente positivo, mais é real.

A falta de lugares para a socialización nun entorno no que a climatoloxía non é, precisamente, amable, dotou á taberna e ao café dunha enorme responsabilidade no noso proceso de sociabilización.

Galiza é a cuarta Comunidade Autónoma do Estado con maior número de bares. E, ollo que non falamos dunha cifra porcentual senon absoluta: supérannos Andalucía, Catalunya, Madrid e Valencia, si, mais pouco orgullo é cando multiplican por cinco a nosa densidade de poboación e ata o territorio. E aquí nin sequera ofertamos balconing entre as actividades post enchoupamento.

A historia dos bares

A hostelaría, tal e como a coñecemos agora, é o resultado dunha longa evolución das necesidades económicas e culturais do modelo europeo.

As primeiras tabernas, mesóns e hospedaxes dos que hai constancia (arredor do ano 1700 antes da nosa era) xurden coa aparición do comercio. A necesidade dos viaxantes de fornecerse de bebida, descanso e alimento crea as bases do actual sector hostaleiro.

Algo máis adiante, sobre o ano 500 a.n.e., existe documentación romana sobre a estratificación no desfrute de locais de bebida e xantar. Xa daquela había clases…

Mais a primeira grande onda de apertura de locais por Europa ten que ver, precisamente, con Galiza, xa que se articula arredor do Camiño de Santiago e as primeiras peregrinacións “masivas”. Poderiamos dicir que este é o momento no que a hostalería nace como gremio.

Pero non será ata mediados do século XIX cando, ligado ao avance e asentamento do capitalismo monopolista, os bares se convirtan no epicentro do ocio moderno.

Este ocio, entendido coma o entendemos agora, estivera sempre vinculado ata entón á nobreza e á burguesía. A democratización do mesmo ten moito que ver coas novas fórmulas económicas que implementaron as xornadas de traballo actuais e os movementos migratorios masivos ás cidades.

A hostelaría galega: factor chave para a acción

Nos últimos tempos, as grandes cidades Europeas converteron unha parte da hostalería en cadeas pertencentes a grandes corporacións desprovistas de identidade, uns non-lugares que copan a planta alta dos centros comerciais e algúns puntos estratéxicos no epicentro de rúas principais, peonís ou de trasvase de consumo rápido e descarnado. Porén, este proceso en Galiza aínda é incipiente, e as manifestacións desa xentrificación só podemos velas nalgúns puntos das urbes, convivindo coas cada vez máis prezadas, tascas, mesóns, cafetarías de barrio e pubs. É a estes hostaleiros do pequeno comercio a quen máis lle afectan economicamente as medidas impostas pola crise sanitaria. Pero para a cidadanía? Como nos afecta psicoloxicamente? socialmente? relacionalmente e sexualmente?

Nos bares, para alén do ocio adoitamos a tecer toda canta historia do cotián poidamos ter na mente, pois mesmo que pensásemos nunha fábula aséptica de quen vai da casa ao traballo e viceversa, a individua ou individuo en cuestión sempre vai ter que facer unha paradiña no bar, mesmo que sexa para ir ao baño… e unha vez dentro do café… pode pasar de todo. Velaí a intriga dos bares. Sen bares non hai acción. Podemos visitar museos, estancos, froitarías, mais… que clase de peripecia podemos vislumbrar sen unha barra, co seu correspondente camareiro/a detrás, sen unha billa borboriñando escuma? Para que a vida aconteza hai que comer e beber, se é en Galiza, hai que comer e beber moito, e mentres conversar.

Gustouche?

4.7 / 5. 3