Galicia arde cada ano sen que poidamos facer outra cousa que mirar para as lapas. Factores climatolóxicos, sociais pero, sobre todo económicos, desatan o lume neste país cada verán puntualmente.
Por que arde Galicia?
Para unha pregunta sinxela coma esta, a resposta é complexa e extensa.
O biólogo ambiental Xavier Vázquez Pumariño leva anos falando de que o lume en Galicia é un problema estructural. Pumariño advirte de que os incendios en Galicia son o mal necesario para que funcione o que el define como industria do lume.

Estariamos definitivamente mal da cabeza se crésemos na tese que os gobernos autonómico e estatal levan anos perfeccionando e que fala de terrorismo incendiario. Galicia non ten a maior porcentaxe de pirómanos do planeta nin unha guerrilla antinatureza repartida en células polos montes. Afirmar o contrario é perigoso e, sobre todo, irresponsable.
Galicia ten un longo percorrido pola expropiación do monte, o abandono institucional e o conflicto económico. Esas son as verdadeiras causas dos incendios e non unha man negra con incomprensibles intereses detrás. Pero para entender isto fai falla botar a vista atrás no tempo, concretamente ata os anos 40 e 50 deste século.
O monte comunal no franquismo
Os incendios en Galicia están íntimamente relacionados co cambio de paradigma económico e social ao que se viu obrigada. Falamos de que, nun período de 10 anos, os medios de vida das galegas e os galegos cambian radicalmente e sen -valla a redundancia- transición.
Antes do ano 1940 a economía galega era fundamentalmente agraria. Unha parte moi significativa da poboación vivía do sector primario, nomeadamente agricultura e gandeiría. Moi ao contrario do que se poida crer, Galicia non era un territorio caracterizado por bastas extensións de árbores senon que a súa paisaxe sempre foi de herba curta, landa (carqueixa, toxo e breixo) e árbores estacionais coma o carballo ou o castiñeiro. Precisamente este tipo de vexetación é a que potencia unha economía agraria ao ser fonte de recursos permanentes para o coidado e crianza do gando.
Unha enorme porcentaxe deste monte era comunal, ou o que é o mesmo, de disfrute e mantemento colectivo sen necesidade de propiedade. E foi así ata a década dos 40 cando a economía franquista decide sacarlle partido a aquelo que non era de ninguén.
Desta maneira, intervense o monte comunal deixando aos veciños sen sustento para os animais nin madeira para o día a día e, nun deses brillantes plans de industrialización só á altura do Programa de Obras Hidráulicas, toman a decisión de convertir a Galicia nun productor barato de madeira e pasta de papel. Inzan o monte de piñeiro e eucalipto e a sociedade abandona o coidado dun bosque que, agora, nin lles pertence nin lles da de comer.
Esta política intensificouse especialmente nos anos 60 e 70, dando lugar á paisaxe forestal que coñecemos hoxe.
Se vos apetece afondar nisto, recomendámosvos o visionado do documental O monte é noso (1978) de Llorenç Soler, realmente esclarecedor:
Relación dos incendios en Galicia coa nova paisaxe
Os efectos da substitución do entorno forestal foron demoledores, como cabe imaxinar. Nun alarde de lucidez sen precedentes, o cambio produciuse, ademáis, por dúas das especies arbóreas máis inflamables do mundo: o piñeiro (non, non é unha especie autóctona) e o eucalipto.
Ámbolos dous tipos de árbore medran moi rápido e son excelentes productores de celulosa e serrado. O problema é que son tamén explosivos e propagadores de lume. De feito, as súas altas copas -xa che valeu, Pondal…- prenden inmediatamente e expulsan lapas polo aire coa explosión das piñas e o voo das follas incandescentes do eucalipto.
Outros factores de influencia para os lumes
Existen, ademáis, outras causas para que Galicia arda cada ano con máis virulencia. Un deles, diga o que diga o curmán de Rajoy, é o cambio climático.
A costa atlántica da Península Ibérica está exposta a dous tipos de frontes meteorolóxicas que, nesta época do ano traen fortes ventos e aire seco. Se cada ano chove menos, o monte está completamente seco e, como explica Vázquez Pumariño, isto quere dicir que calquera faísca o pode convertir no máis absoluto dos infernos.
Por outra banda, o abandono do monte, en íntima relación coa queima de rastroxos que se descontrolan, é outro factor de risco para os incendios.
Existe tamén, unha deixadez institucional abraiante, que prefire procurar respostas peliculeiras e de perogrullo aos incendios antes que facerlle fronte ás súas propias responsabilidades. Aceptar os erros cometidos en materia ambiental é a única maneira de atallar no que se poda o dano producido.
Existen tamén intereses que teñen que ver coa privatización de sectores como o coidado de montes, a prevención e sufoco de incendios, etc. que, de momento, imos deixar correr, non vaia ser…
Por último e nunha porcentaxe irrisoria están as persoas con patoloxías como a piromanía que os leva a sentir pracer cando ven arder. Isto non quere dicir que non haxa persoas que lle prendan ao monte só que non deberiamos confundilos. Habitualmente, quen lle prende ao monte en Galicia son desalmados aos que se lles paga por desenvolver ese “traballo” xa sexa coa intención de conseguir un terreo urbanizable, para conseguir pasto, ou para convertilo en lugar de explotación madeireira, por exemplo.

Hai solución para os incendios en Galicia?
Solucionar esta desfeita, non depende só dun partido ou dun goberno autonómico máis ou menos puntual. Os problemas estruturais precisan solucións radicais, e isto pasa pola toma de conciencia da afectación real dos incendios a nivel medioambiental, si, mais tamén por un cambio nas relacións económicas salvaxes ás que someten á sociedade e á contorna.
Non se lle pode dar prioridade ao beneficio económico de ningún sector por enriba do patrimonio natural, iso parece lóxico, mais habería que traballar no deseño dunha paisaxe menos inflamable, se cadra cun sentido comercial pensado a medio prazo e non inmediato. Ocórresenos como idea, mais que saberemos nós que só deseñamos camisetas…
Galicia ten o 42% dos incendios de todo o Estado español, pero existen medidas xurídicas para eliminar o factor compra de terra ou madeira queimada que seguramente non fosen moi difíciles de aplicar.
Sexa como for, cremos que a nosa responsabilidade cidadá pasa por non aceptar ningunha resposta da administración que non implique medidas reais e cambios visibles. Galicia non pode volver arder impunemente. É unha cuestión de dignidade colectiva. Lumes nunca máis.