Se procurabas información sesgada e de dubidoso contraste científico sobre a seguridade das praias de Galicia, dámosche a benvida. Presentámosche unha guía de comportamento para acceder ás praias seguras de Galicia con e sen cita previa.

As praias seguras e a parcelaria

Máis ou menos encamiñado o atranco fundamental para a correcta articulación da nosa sociedade, mediante o restablecemento da actividade nos lugares de fortalecemento do espírito e engrandecemento do ánimo colectivo -a saber, as terrazas dos bares- Galicia atópase na seguinte grande encrucillada: haberá que pedir cita para ir á praia?

É este, amiga lectora e amigo lector, un debate con moita miga. Un asunto feo e de trato desagradable. Porque do mesmo xeito que esta sociedade nosa está a unha cando de tomar unha chiquita se fala, xa non o está tanto cando se lle fala de propiedade. 

Pensemos nun concepto que nos vai ser moi útil nos vindeiros meses de desfrute: o minifundio. Segundo a RAG, o minifundio é unha propiedade rural pequena que (e aquí ven o quid da definición) dificulta a súa explotación. E vaia se a ten dificultado! Familias e familias destruídas polas partixas dan testemuño dun sistema de reparto feroz que revolve no máis desprezable do ser humano. A escopetazos temos resolto diferenzas de metros nunha parcela como para xogar a parcelar un espazo no que as persoas van armadas con parasois e navallas de pelar a froita. A Xunta está pasando por alto catro séculos de idiosincrasia galega e pódelle saír caro. Xa verás que risa cando todas as camiñas habilitadas para os posibles contaxiados de COVID se enchan de feridos de praia e, aos primeiros 4 días sen néboa no Morrazo, esteamos de volta na fase 0.

Ir á praia de Samil a mover os marcos

Certo é tamén que a galega e o galego medio somos produto das nosas circunstancias e son moitos anos de adaptación ao medio. Tanto é así que rematamos por desenvolver unha sorte de sentido avaliador que nos permite facer, con abraiante precisión, o cálculo do que nos pertence. O superheroe galego é Propietario. E aquí,… ai, aquí! Aquí sí que non dubidamos. 

Pero non perdamos o fío do título do apartado.

Notaredes con atino que se está a nomear moito a ría de Vigo neste sesudo artigo. Pois ben, isto faise así porque nos vale para exemplificar o paradigma do capital en grans de area. 

A provincia de Ourense posúe, aproximadamente, o 56% do espazo costeiro da provincia veciña. Tendo en conta que o concello de Sanxenxo forma parte da Comunidad Autónoma de Madrid dende 1974 e que estamos a piques de perder O Grove, tampouco queda tanta praia a repartir.

Un tanto do mesmo ocorre coa provincia da Coruña (Coruña, ¿conocéis? pues eso). Aquí algún ourensán de ben tamén afianzou pertenzas, mais o usufructo xeralizado da provincia repártese entre lugueses con visión de conxunto que fuxen do Cantábrico con razón, e unha ampla maioría de españois de ben.

A situación que isto nos deixa ao (pouco) sobrante da sociedade galega é dramática.

Pensemos na praia de Samil con cita previa, como diciamos. Pois o ourensán medio non perdoa. Esa praia está parcelada dende principios dos oitenta e, por dereito de antigüidade, as citas comezarán pola noble e remota vila autónoma do Barco de Valdeorras cun avance proporcional aos bocadillos de bistec desfrutados en Samil, en dirección oeste cara o interior da provincia. Imaxinade a rotura dun avispeiro, a película Tiburón ou as rebaixas do Primark se precisades apoio visual para entender o procedemento. E ollo, que esta xente non che sae da toalla mentres quede luz e chupitos de herbas na neveira azul con asa branca. Pediuse a cita e amortízase, que che son case dúas horas conducindo e outras dúas para atopar aparcamento á sombra. E saca ti ao sogro, que leva rosmando desde que collestes a N-120, e colócao na cadeira plegable, e despois volve sacalo para sentalo no coche… En definitiva, que non atopas unha cita para a praia de Samil nin na revenda.

Pero a vida sempre pode ir a peor. Ou a mellor, depende do lado no que esteas.

Ir á praia sen pedir cita

Entón, que vai ocorrer con quen, coma ti e coma min, non temos amizades na Deputación, non temos unha segunda vivenda infrinxindo a lei de costas ou non podemos agardar ata novembro para veranear? Poderemos ir á praia sen cita previa? Poderemos.

Mais coma calquera revolución, esta nosa tamén vai requerir esforzo e, sobre todo, compromiso colectivo.

Facede boa conta das fases de actuación. Requiren ser escrupulosamente executadas:

Fase 1: Outfit de baño recoñecible

O principal é que a resistencia se recoñeza. Que, de reollo, xa poidamos facernos unha idea de quen vimos sendo. Para isto é necesario diferenzarse das toallas da Caja Rural, das fanequeiras e, con especial énfase, diferenzarse das gafas de sol con cordeliño e a camisa panameña. 

Se estabas neste grupo de individuos de risco, xa aproveitas para recuperar tamén algo da dignidade que che quitaba a moda baño ibicenca. A ver se non te botas a perder marchando despois en patinete, fai o favor.

Busca toallas e chanclas diferentes. Na medida do posible dunha marca 100% galega. A típica marca que exportou a mellor imaxe de Galicia e a fixo recoñecible a nivel mundial. Busca que algunha hai.

Fase 2: Toma dos chiringuitos sen cita previa e de boa mañá

Porque o inimigo é forte, pero ten pouco traballado o bebercio matinal. 

Nesta fase prégase, por seguridade, que aquelas persoas que adoitan tomar cousas como a clara de limón e derivados embotellados, garden repouso no seu fogar.

Fase 3: Gaitas

Tanto mellor se non a sabedes tocar. É o momento e o lugar de aprender. 

Porque el folclore gallego es muy bonito, pero aínda non naceu quen puidera escoitar a un gaiteiro practicar.