Espíritos do Xantar

Publicado o Categorias TraballosEtiquetas , , , ,

ESPÍRITOS DO XANTAR é un proxecto que aúna Artes Gráficas e Culinarias.

A partir de produtos do país coma a cebola, a tinta de calamar, o Licor Café ou o viño de Barrantes o cociñeiro PEPE ViEIRA fixo alquimia nos fogóns para extraer destes alimentos os pigmentos cos que a Cociña Gráfica do Colegio Hogar de Vigo elaborou unhas tintas aptas para serigrafiar a serie de láminas deseñadas por reizentolo.

A elaboración destas tintas foi un proceso laborioso, realizado con produtos 100% Naturais e dun xeito 100% Artesanal

Os animais estamos vivos porque comemos. Algúns, mesmo tódolos días. Non é de estrañar pois que na nosa cultura os alimentos e todo o relacionado coa súa inxesta posean unha enorme significación, xa que é un ritual necesario e repetido dende hai milleiros de anos.

Pero somos uns animais inquedos e curiosos, e fomos quen de procurarlle aos alimentos máis aplicacións que a de manternos vivos ou enriquecer o rito do xantar. Ese espírito creativo levou a un cociñeiro, un impresor e un pintamonas a desenvolver un proxecto arredor da cualidade para colorar dalgúns produtos naturais.

O  concepto: extraer do alimento o pigmento colorante para obter unha tinta estable, densa e cubrinte abondo coma para poder empregar en serigrafía, unha técnica de reproducción gráfica seriada.

O método: a partir de produtos do país coma a cebola, a tinta de calamar ou o viño de Barrantes, o cociñeiro PEPE ViEIRA fixo alquimia nos fogóns para obter as brebaxes coas que os membros da Cociña Gráfica do Colegio Hogar de Vigo produciron as tintas.

O resultado: coma primeira aplicación deste proceso ao mundo do deseño gráfico se realizaron unhas tiradas de láminas ilustradas por reizentolo.

Xogando co feito de empregar a esencia dos alimentos para producir as tintas, e de que cada lámina leva un pouco de esta esencia, xurdiu a idea de representar aos ESPIRITOS DO XANTAR, personando en cada ilustración as cualidades do produto co que está feito. Así, o Espírito da Cebola fálanos chorando da lenda segundo a que ten unha pedra preciosa no seu corazón, que tivo que ir protexendo con capas e mais capas da avaricia da xente.

O Espírito da Xiba alude ao uso da tinta coma Cortina de Fume; unha maniobra para ter ao enemigo despistado e sair indemne.

O Espírito do Barrantes representa a dualidade dun elemento tan cheo de simbolismo como é o viño: a súa inxesta pode elevar o espírito, pero mal empregado faite caer en desgracia.

E ata aqui podemos escribir… Seguiremos a informar das novedades deste proxecto. Por certo, debaixo tendes unha proba gráfica da presentación que fixemos desta iniciativa no Festival de Cans. E entre os amigos cos que compartimos o fin de semana atopamos a nosa querida amiga Alicia, musa inspiradora da creación “Alicia Calidade” e unha das máis ferventes partícipes no Festival de Cans.

 

+Info: http://www.festivaldecans.com/es/corcomidas/ | @pepe.vieira