DE AMOR LIBRE no 17M

Publicado el Categorías OpiniónEtiquetas , , , , , , , , ,

Penso que a coñecín de cativo ao coincidir na escola, aínda que teño que recoñecer que a tiñamos moi desapercibida. Ata os mestres! Tiña un aire un pouco de aldea e un punto rebelde e daquela eu, que andaba a outras cousas, non fixen por coñecela.

Ao medrar cada un foi pola súa, como adoita pasar na rapazada. Pola miña, atopei de quen agarimarme e aprender a querer, e pasou o tempo.

Voltamos coincidir por coñecidos comúns do máis variado: un día por quinquis, outro por culturetas, ao seguinte por maiores aos que eu admiraba. Deste xeito comecei a sorprenderme, logo a interesarme, e máis logo a namorarme. E comecei a quedar xa só con ela, primeiro con motivo -aparente-, logo con ansia -compartida- e máis logo con desexo – ben gratificado.

E o meu amor e recoñecemento medraron cando souben do seu pasado cheo de abusos e rexeitamentos, do tempo que pasou na aldea; da figura sempre atemorizante do seu irmán, co que agora anda permanentemente en pleitos.
Mirar que -pese a todo iso- mantiña intacta a súa forza, unha beleza enorme e un agarimo contaxioso, admiraba e namoraba a outros homes e mulleres que -non coma min no seu tempo- facían por coñecela. Porque iso si, sempre mantivemos outros amores, libres pero comprometidos.

Ben é sabido que as linguas non teñen dono e son ceibes, vencelladas só aos coidados de quen as mete na boca, e medrando máis canto
máis -e mellores- amantes as compartan.

 

Por moitos máis 17M e por moitos máis amantes!