Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada integran o proxecto poético-musical Cintaadhesiva.

Dende o ano 2013 militan enérxicamente nun formato de espectáculo ecléctico onde texto, imaxe, ritmo e posta en escena conflúen e impactan a un público que sempre remata emocionado.

Hoxe falamos con Silvia sobre desconfinamento, música e expectativas:

  • Como estades? Xa estades a facer vida de praia e terrazas?

Nós non somos moi de terrazas. Ese concepto de “tomar algo” non o aplicamos   moito na nosa vida diaria.

            Fun á praia de Ladeira en Sabarís, é unha praia-paraíso, co meu fillo e os amigos hai uns días, non había ninguén, por sorte para os/as ausentes, que tres rapaces en plena pre-puberdade quedando por primeira vez xuntos depois de moitos meses, rompen a harmonía paisaxística e a ecoloxía sonora. 

  • Con respecto ao verán pasado, como se vos presenta este artísticamente? Mantivestes as actuacións que tiñades apalabradas, chamáronvos para contratarvos? E que expectativa tedes con respecto ás contratacións?

Nós non somos un grupo para programar durante as romarías de verán ou grandes festivais, por iso o cambio foi máis ben unha cuestión de expectativa. Non hai expectativa, entón, aí nos manexamos, nesa nada. Con isto creo que respondo a varias das preguntas dunha soa vez.

Canceláronnnos moitas cousas, sobre todo marzo e abril, algunhas adiáronse para outubro. Hai pouco chamáronnos para algunha actuación tamén, penso que irán caendo pouco a pouco, cando se vaia vendo cara a onde camiña isto da nova normalidade, que eu vexo máis antiga que nunca.

  • Vós que vos adicades a isto: poderías explicarnos como lle afecta a nova normalidade aos concertos e festivais?

Aos macrofestivais afectaralles moito, é evidente, canceláronse a maioría, que eu saiba, coa perda de traballo e cartos que iso supón. 

Os concertos e espectáculos máis íntimos poderían celebrarse practicamente da mesma maneira que se viña facendo ata agora, pero cunhas medidas sanitarias básicas. 

  • Agardas boa afluencia aos concertos ou cres que a poboación aínda recea das xuntanzas? Cres que é máis determinante o factor económico que o sanitario para o público?

A poboación non vexo que teña medo de xuntarse, o que pasa é que xa vimos observando desde hai anos que se perdeu o interese (non de todo, ou iso espero) por coñecer novos grupos, proxectos, etc. Os concertos, e sobre todo os macrofestivais, atenden máis a unha vontade socializadora; entón vexo dúas posibilidades tendo en conta as limitacións en canto ás relacións sociais: que se perda aínda máis a afluencia aos directos, ou que precisamente porque estivemos confinados, se reactive esa vontade de indagar, coñecer e asistir ao evento presencial.

Os factores económico e de socialización creo que son máis determinantes ca os sanitarios. Iso considero polo momento, pero volve preguntarmo dentro dun mes, por se acaso.

  • Podes facernos a túa aposta persoal en canto ao futuro das actuacións musicais en vivo? Que medidas botas en falta ou cres que sería interesante aplicar a nivel administrativo e social?

A min apostar, en xeral, non se me dá moi ben. Pero, vaia, tampouco me interesa especialmente acertar nin ter razón, así que vou simplemete sinalar que agora aínda as administracións contan coa partida de cartos destinada para este ano, que veremos o que acontece coa partida do ano que vén.

En canto ás medidas sociais, creo que a medida máis importante sería crear público, eu non sei como se fai, supoño que pasa por outra educación e outro tipo de políticas culturais, pero encantaríame que a xente se interesase e demandase ir ao teatro, aos concertos, etc. E que iso fose o piar fundamental da cultura en xeral, a existencia dunha demanda.

  • Todo isto do que falamos está moi ben Silvia, pero agora danos un pouco de chicha: seica hai un historión detrás da fundación de Cintaadhesiva…

Historión…, vaia, o que hai detrás é unha parella, veremos se chega a ser un historión, hehe. A finais do 2012 presenteime a un Slam Poetry ( un certame de poesía recitada) que houbo en Vigo e gañei. Días despois recibín un e-mail de Jesús comentándome que como premio pensaran en ofrecerme realizar un videopoema, que tiñamos que quedar para falalo, etc. e alá fun eu confiada e ilusionada co meu primeiro videopoema. Hoxe podo afirmar que foi unha estratexia para ligar, porque tal videopoema non chegou a existir. A cambio existe Cintaadhesiva.

Coming Soon
Ti tes pensado ir a concertos este verán?
Ti tes pensado ir a concertos este verán?
Ti tes pensado ir a concertos este verán?